DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha exposición que aborda a produción artística da década de 1980 desde unha perspectiva feminista

A profesora Susana Cendán constrúe na Cidade da Cultura “outra historia posible” da arte en Galicia

A docente Anne Heyvaert é unha das seis protagonistas desta mostra

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Igualdade
  • Cultura
DUVI Pontevedra 28/05/2024

Deterse na produción artística en Galicia na década de 1980 e “contar a historia desde outra perspectiva, desde unha perspectiva feminista, que teña en conta as circunstancias políticas sociais dun contexto concreto”. Este é o propósito inicial, como sinala a profesora da Universidade de Vigo Susana Cendán, de Outras historias posibles, a exposición inaugurada este martes no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura e na que reúne as obras de seis artistas que “comezaron a despuntar” naquela década co obxectivo de “contar outra historia” da arte en Galicia “que complemente ás xa existentes”. Con esta docente das facultades de Belas Artes e Deseño como comisaria, a mostra percorre as traxectorias de seis mulleres con “propostas esteticamente dispares”, nacidas na década de 1950 e que non contaran “cunha exposición monográfica en condicións que lexitime a súa traxectoria”, subliña. Trátase da tamén profesora de Belas Artes Anne Heyvaert, das pintoras Ana García Pan, Blanca Silva, Tusi Sandoval e Laura Terré e da ceramista Emilia Guimeráns.

“Máis aló de ofrecer un listado de mulleres artistas baseado na recuperación de nomes, a exposición preséntase como unha guía que complemente o xa coñecido, nun enmallado social, político e artístico non sempre favorable”, engade Cendán das motivacións dunha exposición inaugurada este mediodía polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, José López; o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; e a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez. “A historia que nos apece contar neste proxecto pasa por mostrar realidades que permaneceron ocultas, por propoñer significados descoñecidos sobre artistas reais e extraordinarias”, subliña a comisaria no texto de presentación desta mostra. Co obxectivo de proporcionar “unha visión integral” das súas traxectorias, Cendán buscou reunir un abano de obras o “suficientemente amplo e representativo” das seis protagonistas, nunha exposición que reúne en conxunto, máis dun cento de pintura, esculturas, xilografías e debuxos. Ao mesmo tempo, o seu propósito era tamén deterse en “aspectos que abarcan o cotián, o privado, o que comunmente se soe silenciar”. De feito, a exposición que poderá visitarse ata xaneiro de 2025 é resultado dun traballo de investigación, que se verá reflectido tamén na publicación dun catálogo, deseñado pola profesora de Deseño Patricia Dopico, con textos biográficos das seis artistas.

Percorrido por seis traxectorias

A Facultade de Belas Artes tamén é protagonista de Outras historias posibles grazas á participación da docente e investigadora do grupo dx5 Anne Heyvaert. Formada na Escola Nacional de Belas Artes de París, Heyvaert fixou a súa residencia en Galicia a finais da década de 1980, onde continuou unha traxectoria na que sobresae o seu traballo no ámbito da gráfica contemporánea, “na que a artista goza dunha reputación que conseguiu traspasar fronteiras”. Non obstante, esta mostra presta tamén atención ás súas producións previas nos ámbitos do debuxo e dunha pintura de “factura realista e minuciosa”, para logo achegarse aos seus “mapas ao óleo” ou a traballos centrados na idea de pregue e na expansión da arte gráfica.

Protagonizada principalmente por obras pictóricas, a exposición reúne tamén unha escolma de obras de Ana García Pan, que móstrana como “unha artista moi diversa e heteroxénea, que non parou de reinventarse constantemente”; e de Laura Terré, da que Cendán destaca a súa “vontade férrea para desenvolver unha obra á marxe das tiranías do mercado e as pulsións das modas, optando por unha figuración de claras connotacións sociais”. Así mesmo, nesta mostra poden verse tamén unha serie de obras pictóricas e pezas cerámicas de Blanca Silva, á vez que reflexionar sobre a percepción como “unha práctica artística menor” tradicionalmente asociada a disciplinas como a cerámica. Para iso, percorre a traxectoria de Emilia Guimerans, “unha artista que soubo insuflar unha renovada vitalidade” a esta disciplina, “a través da experimentación de materiais e a complexidade temática”. Do mesmo xeito, prácticas que tamén se “consideraban menores” como tecer e coser, fanse patentes nas “pinturas con peles” de Tusi Sandoval, permitindo esta mostra achegarse ao “diálogo entre o pictórico e o téxtil” que centrou a súa produción.