DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Pola súa versión en galego de 'Un cuarto propio', de Virginia Woolf

A profesora da UVigo Patricia Buxán faise co Premio de tradución Plácido Castro

O xurado valorou a súa excelencia ao “recrear as peculiaridades da escrita da autora”

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Lingua Galega
  • Premios
  • Institucional
M. Del Río DUVI 21/09/2026

A docente do Departamento de Filoloxía inglesa, francesa e alemá da Universidade de Vigo Patricia Buxán acaba de ser distinguida co Premio de tradución Plácido Castro pola súa versión galega de Un cuarto propio, de Virginia Woolf, publicada no selo ourensán Aira. 

Este galardón busca poñer en valor a calidade das traducións de obras clásicas da literatura universal e doutras obras de notable calidade ao galego, colaborando así no proceso de normalización da lingua e contribuíndo a enriquecer o universo literario galego. Nesta última edición, o xurado seleccionou a tradución que Buxán fixo da obra de Virginia Wolf “pola súa excelencia” ao “recrear as peculiaridades da escrita da autora, a riqueza lingüística empregada e o ritmo conseguido”. O fallo do xurado salienta tamén que “a tradutora soubo trasladar o estilo ensaístico-literario da obra orixinal ao galego, cunha escolla léxica e sintáctica axeitada” e poñen tamén en valor o “excelente traballo de documentación que aparece, especialmente, nos paratextos tan enriquecedores, así como a dificultade de manexar a diversidade textual da obra”.

Finalistas

Buxán é profesora axudante doutora da UVigo e forma parte de BiFeGa Grupo de Investigación en Estudos Literarios e Culturais, Tradución e Interpretación e, xunto con ela, foron finalistas deste certame María Fe González Fernández coa súa tradución de Os castelos de Athlin e Dunbayne, de Ann Radcliffe, publicada por Editorial Galaxia; Laura Sáez e Sandra Sánchez Ogando pola súa versión de A cornecha e a xibardo, de Julia Donaldson, editada polo selo Patasdepeixe; e Gabriel Álvarez Martínez pola súa tradución de Menos que humano, de Osamu Dazai, tamén publicado por Galaxia. 

Ademais de outorgar o premio a Patricia Buxán, o xurado tamén quixo amosar a súa satisfacción pola calidade das traducións presentadas e eloxiou a importancia da tradución no sistema literario galego, animando ás editoriais a destacar na portada dos libros o nome dos tradutores e tradutoras “para unha merecida valoración do seu traballo, así como a coidar e revisar as edicións tanto a nivel ortotipográfico coma lingüístico”.

Unha traxectoria ligada á Universidade de Vigo 

Buxán é tradutora e revisora profesional de alemán e inglés ao galego e ao castelán. Licenciada en Tradución e Interpretación pola Universidade de Vigo en 1998, conta con máis de vinte anos de experiencia como tradutora autónoma, centrándose principalmente en documentación corporativa e técnica —incluíndo a localización de páxinas web— e no márketing de produtos. Como membro do grupo de investigación Frasepal da Universidade de Santiago de Compostela, publicou en 2013 —coa editorial Buske Verlag de Hamburgo— a obra Idiomatik Deutsch-Spanisch, un dicionario de expresións idiomáticas que recolle máis de 35.000 entradas en alemán e as súas equivalencias en castelán. En 2015 doutorouse, tamén pola Universidade de Vigo. Ten traducido ao galego obras literarias como O perfume, de Patrick Süskind (Kalandraka, 2021), e Sobre a teoría da relatividade restrinxida e xeral, de Albert Einstein (Consello da Cultura Galega, 2017), así como Heidi, de Johanna Spyri (Aira, 2021); ou Infocracia: a dixitalización e a crise da democracia, de Byung-Chul Han (Catro Ventos Editora, 2022).

Ademais, formou parte da xunta directiva da Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación (AGPTI), da que foi presidenta entre 2012 ata 2016. Nese mesmo ano incorporouse tamén á cooperativa Catro Ventos Editora, especializada en ecoloxía, consumo responsable e dereitos humanos. 

Composición do xurado 

O xurado do XXIV Premio Plácido Castro estivo integrado pola poeta e tradutora Mónica Caldeiro en representación da Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación; a investigadora e docente de tradución Ana Luna Alonso, en representación da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo; a xornalista, poeta e escritora Andrea Fernández Maneiro, en representación da Asociación de Escritores en Lingua Galega; a escritora, tradutora e crítica literaria Ánxela Gracián, en representación da Xunta de Galicia; e o académico correspondente, profesor e filólogo da UVigo Xosé María Gómez Clemente, en representación da Real Academia Galega.

A entrega do galardón, o vindeiro 17 de outubro

O Premio Plácido Castro de Tradución está dotado con diploma e unha peza escultórica denominada Babelio deseñada expresamente para o concurso por Xaquín Chaves. A dotación económica é de 3000 euros. A entrega do premio terá lugar o sábado 17 de outubro na Casa do Concello de Corcubión.