DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Máis de 20 docentes forman parte dos xurados da oitava edición de Pontenciencia

O profesorado do campus pon nota ás capacidades científicas da mocidade pontevedresa

Por mor da pandemia, defenden as investigacións nos seus centros

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 31/05/2021

Cada ano, o proxecto de divulgación científica Pontenciencia desenvolvía na Escola de Enxeñaría Forestal o seu evento final, a Feira da Miniciencia, na que estudantes de primaria e secundaria presentaban os proxectos e experimentos científicos que levaran a cabo nos seus centros ao logo do curso. A situación provocada pola covid-19 impide neste 2021 o desenvolvemento desta feira no seu formato habitual, mais non que estudantes de 17 centros educativos de Pontevedra defendan diante do profesorado universitario as súas investigacións, desta volta nos propios colexios e institutos participantes nun proxecto promovido polo Concello de Pontevedra e a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (Fecyt), coa colaboración da Universidade de Vigo. 22 investigadores e investigadoras do campus forman parte dos xurados que, ao longo desta semana, percorrerán os diferentes centros para avaliar as diferentes investigacións e determinar que proxectos serán premiados nesta oitava edición de Pontenciencia, que o sábado 5 celebrará, no exterior da EE Forestal, o seu acto de entrega de premios. 

Preto de 700 estudantes participan nesta edición de Pontenciencia, á que concorren un total de 47 investigacións, das que 39 corresponden as categorías de Ciencia no Cole e Xoves Investigadores, dirixidas a alumnado de primaria e secundaria, que entre este luns e este venres son avaliadas por un comité, coordinado pola profesora da Escola de Enxeñaría Forestal Purificación Marcet e do que forman parte 22 investigadores e investigadoras dos diferentes centros do campus. Os oito traballos restantes corresponden á modalidade de Ciencia en Familia e presentaranse o sábado 5 na propia EE Forestal, que acollerá a continuación, no seu exterior, o acto de entrega de premios das diferentes categorías.

Achegando a ciencia ás escolas

“A actividade dos xurados é exactamente igual, coa diferencia de que en lugar de vir eles aquí, imos nós aos colexios”, salienta Marcet do labor que ao longo desta semana desenvolve un comité avaliador integrado por 28 investigadores e investigadoras da EE Forestal e das facultades de Ciencias Sociais e da Comunicación, Ciencias da Educación e do Deporte, Belas Artes e Fisioterapia, así como do Centro Universitario da Defensa e da Escola Universitaria de Enfermaría, ambos centros adscritos á UVigo. Participan tamén nestes xurados, que este luns visitaron o CEIP A Xunqueira II, o IES A Xunqueira I e o CIFP A Xunqueira, representantes do Instituto Español de Oceanografía, da Misión Biolóxica de Galicia (CSIC) e da Facultade de Ciencias da Educación da USC. “É algo co que gozamos todos os que participamos”, salienta Marcet dunha actividade “á que cada ano máis xente se suma como xurado” e da que destaca “a conexión cos nenos, cos que sempre segues aprendendo cousas”. Nese senso, a coordinadora do comité avaliador destaca o “nivel que teñen cada ano as súas investigacións”, á vez que pon de relevo “que hai que ter en conta que este foi un ano complicado para os nenos e nenas e para o profesorado”, dadas as limitacións ás que obrigou a pandemia, motivo polo que pon en valor “a alta participación” acadada nesta edición de Pontenciencia, que se completa nestes días co desenvolvemento nos propios centros dunha serie de obradoiros, nos que participan tamén investigadores e investigadoras do campus pontevedrés.