DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun proxecto de innovación docente do centro, coordinado por Diego Alonso

Profesorado de CC da Educación e do Deporte fórmase na creación de ‘pílulas’ audiovisuais

O obxectivo é xerar breves vídeos de uso docente e divulgativo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 17/09/2019

Aínda que boa parte da cidadanía decántase polo formato audiovisual á hora de consumir contidos e información, o seu uso con fins educativos aínda non é unha ferramenta xeneralizada entre o profesorado. Esta idea constitúe o punto de partida do proxecto de innovación educativa que ao longo deste 2019 leva a unha serie de docentes da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte a iniciarse no manexo daqueles recursos que lles permitirán elaborar unha serie de “pílulas educativas” audiovisuais que sirvan á vez como recurso docente nas aulas e como material divulgativo. “O obxectivo é abrir un pouco abano e amosarlles que hai ferramentas moi sinxelas para traballar nunha linguaxe que se aproxime máis á que ten a xente á hora de consumir contidos”, salienta Diego Alonso, coordinador dun proxecto no que participan dez investigadores e investigadoras do grupo GIES-10.

Recursos TIC´s na educación superior: a pílula educativa como recurso no proceso de ensinanza-aprendizaxe é o título desta iniciativa, seleccionada na convocatoria de axudas para proxectos de innovación educativa promovida pola facultade para o presente ano. Os seus obxectivos son tanto achegar aos e ás participantes as ferramentas que lles permitirán para crear pequenos contidos audiovisuais, como deseñar e producir pílulas que poidan ser “empregadas dentro do programa de diferentes materias e trasladadas a contextos divulgativos externos” ao ensino universitario. “A idea é fuxir un pouco de aspectos moi específicos, irnos un pouco a contidos un pouco máis divulgativos, que teñan que ver coa educación, a actividade física e a saúde e que poidan encaixar neses dous ámbitos”, explica Alonso. 

Reforzar conceptos, espallar contidos

As chamadas “pílulas educativas” son vídeos de non de máis de cinco minutos xerados co propósito de que “poidan ser utilizados como soporte para a aprendizaxe”, que nese senso funcionarían como “unha unidade independente para entender un concepto”, segundo recolle a memoria do proxecto. Correctamente deseñados e estruturados, este tipo de contidos “poden axudar ao alumnado a reforzar conceptos” abordados na aula, de tal xeito que contribuirían tamén a “descargar de contido teórico” unha materia e “dotala de maior tempo para a aplicabilidade”. 

Partindo desa idea, entre os obxectivos do proxecto figura comezar xa neste cuadrimestre a incluír ás “pílulas” realizadas entre os contidos das materias impartidas polo profesorado participante, mais tamén difundir os vídeos realizados a través do blog do grupo GIES-10. Do mesmo xeito, a actividade busca tamén contribuír a fomentar entre o alumnado da facultade o uso das ferramentas TIC como recursos educativos.

Dos seminarios á creación e avaliación

A catedrática Margarita Pino e os investigadores e investigadoras do grupo GIES10 Águeda Gutiérrez, Jorge Soto, Carlos Touriño, Myriam Alvariñas, Rocío Abalo, Rut Martínez, Yaiza Taboada e Rosana Fernández participan neste proxecto de innovación educativa, que arrincou o pasado curso cuns seminarios formativos para iniciar ás e os participantes no manexo das ferramentas de edición e gravación. Esta primeira fase concluíu coas propostas de pílulas educativas realizadas polos e polas participantes no proxecto que, baixo a supervisión de Alonso, comezaron a traballar nos seus propios vídeos. Xa nunha última fase, o proxecto completarase coa avaliación de todo proceso. ”Deseñamos unha ferramenta para ver un pouco aspectos técnicos e didácticos da propia construción”, apunta Alonso, que explica tamén que analizarán así mesmo “o impacto que os vídeos poidan ter entre o alumnado e os usuarios do blog”.