DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun curso que se prolongará durante todo o mes de febreiro

Profesorado de Ciencias da Educación familiarízase co método Singapur de aprendizaxe de matemáticas

Nel abórdanse as claves de éxito deste modelo

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Divulgación
  • Académica
Rosa Tedín DUVI Ourense 01/02/2019

No eido do ensino Singapur é un referente polos seus bos resultados en informes como Pisa e pola súa transformación educativa nun relativamente breve período de tempo. Na Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense arrancou este venres un curso teórico-práctico no que se afonda no coñecido como método Singapur de aprendizaxe das matemáticas.

A iniciativa, que se enmarca no Plan de Formación Continua do Persoal Docente e Investigador do centro, desenvolverase ata o 22 de febreiro. Nas sesións, impartidas por María del Carmen Otero, preténdese dar a coñecer ao profesorado e futuro profesorado as claves deste modelo. “Singapur é un referente a nivel mundial, teñen a excelencia educativa”, apuntou. Como claves deste éxito, indicou a profesora, se o método de ensino tradicional español se caracteriza por ser de aprendizaxe memorística e lineal, o método importando desde Singapur aposta por “unha aprendizaxe de razoamento lóxico e en espiral, na que nunca se retrocede”. Segundo explicou, o ensino das matemáticas con este método, que se enmarca dentro do marco conceptual e ten bases pedagóxicas en autores como Jerome Bruner, pretende capacitar ao alumnado para a resolución de problemas no só rutinarios, os habituais en calquera libro de texto, senón sobre todo problemas relacionados coa vida real.

Os obxectivos do curso organizado pola Facultade de Ciencias da Educación, indican os seus promotores, son fomentar o gusto por un estilo de aprendizaxe comprensiva das matemáticas; asentar as bases de entendemento dos procesos subxacentes entre cantidades físicas e números; fomentar un eixo de motivación para desafíos matemáticos empregando matemáticas manipulables; fomentar a conversión das aulas en espazos de interacción para enfocar a aprendizaxe profunda e crear as bases para unha boa relación das nenas e nenos coas matemáticas. “Este método ten moitas estratexias doadas de aplicar pero hai que cambiar a maneira de explicar”, subliñou María del Carmen Otero sobre a importancia de formar ao profesorado sobre esta metodoloxía.