DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O libro acompaña á persoa lectora dende os primeiros pasos ata aspectos máis avanzados

Profesorado de Enxeñaría Informática publica unha guía para aprender Linux desde cero

Co obxectivo de ser un manual práctico e accesible inclúe numerosos exemplos prácticos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Publicacións
  • TIC
  • Transferencia
DUVI Ourense 03/07/2026

Linux dende cero. Guía básica por sesións é o título dunha nova publicación elaborada por profesorado da Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense que busca pór a disposición de calquera persoa interesada un manual práctico, accesible, claro, rigoroso e completamente en galego para achegarse ao mundo deste sistema operativo.

O libro está editado polo Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo e asinado por María Encarnación González, Lorena Otero, David Rodríguez e Francisco Javier Rodríguez, membros do Laboratorio de Intelixencia Artificial Aplicada e do Grupo de Innovación en Simuladores e Intelixencias Artificiais Xenerativas da Universidade de Vigo. O manual é froito directo da dilatada traxectoria na ensinanza de sistemas operativos e administración de sistemas Linux deste equipo nas aulas. 

“A aprendizaxe dun sistema operativo coma Linux supón un paso esencial cara a comprensión do funcionamento interno das computadoras, ofrecendo aos usuarios control total sobre os seus sistemas”, explican as e os autores da publicación. Tendo en conta esta premisa, indican, Linux dende cero. Guía básica por sesións “nace co obxectivo de proporcionar un enfoque progresivo e estruturado ao lector, permitindo tanto a iniciación coma o afondamento nas principais ferramentas e comandos deste sistema”. Ademais, engaden, “o espírito de Linux baséase na liberdade, na colaboración e na mellora continua e con esta guía non só se busca transmitir coñecementos técnicos, senón tamén fomentar unha mentalidade de exploración e resolución de problemas, características esenciais para calquera persoa que desexe profundar no mundo da computación”.

Sete sesións progresivas

O libro está deseñado para quen quere aprender a traballar con Linux partindo de cero coñecemento. Organizado en sete sesións progresivas, acompaña á persoa lectora dende os primeiros pasos, comezando coa conexión ao sistema e comandos básicos, ata aspectos máis avanzados da programación do shell. “Cada sesión constrúe sobre a anterior, garantindo unha curva de aprendizaxe natural e sen saltos abruptos”, apunta o equipo da UVigo. As primeiras sesións introducen o sistema de ficheiros, a navegación por directorios e a xestión de arquivos, incluíndo conexións remotas. A sesión dedicada ao editor VI ofrece unha guía completa para dominar esta ferramenta esencial en calquera contorna Linux. Nas sesións avanzadas, a persoa lectora aprende a traballar con permisos, expresións regulares, redirección de entrada/saída, compresión de arquivos e xestión de procesos. O libro culmina con dúas sesións dedicadas á programación do shell: dende a creación de scripts e o uso de variables e estruturas de control, ata o deseño de funcións reutilizables.

Ao longo das páxinas na guía, “os conceptos explícanse mediante numerosos exemplos prácticos e notas aclaratorias que facilitan a comprensión e permiten ver de inmediato como aplicar cada coñecemento”, tal e como apuntan as e os seus autores. Ademais, cada sesión “inclúe propostas de exercicios para traballo autónomo, ideais para consolidar o aprendido e gañar soltura nunha contorna real”. Escrito con linguaxe clara e directa, o manual “é un recurso ideal tanto para estudantes universitarios como para calquera persoa que desexe iniciarse no mundo de Linux de forma estruturada e guiada”. Por este motivo, o equipo da UVigo convida ao público interesado a, a través da súa publicación, embarcarse “nesta viaxe cara ao dominio de Linux, un sistema operativo que ten un impacto crucial en servidores, computación en nube, seguridade informática e desenvolvemento de software”.