DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo a tese de doutoramento da pedagoga Rosa María Rúa

O profesorado da ESO carece da formación necesaria para detectar e afrontar o abuso sexual infantil

O 63% non sabe como actuar ante un posible caso deste tipo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
DUVI Ourense 17/03/2022

O abuso sexual infantil, explica a pedagoga Rosa María Rúa, “ocasiona efectos devastadores e permanentes a curto e longo prazo nos menores de idade obxecto desta violencia polo que debe ser interceptado canto antes”. Tendo en conta que a “contorna escolar ten un papel decisivo na súa detección e afrontamento”, na súa tese de doutoramento abordou a formación do profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) respecto á detección e afrontamento desta violencia. Os resultados, apunta, “mostran insuficientes coñecementos do profesorado sobre o abuso sexual infantil e unha exigua formación para afrontalo”. O 63% do profesorado enquisado no estudo afirma que non sabe como actuar ante un posible caso deste tipo.

A tese, titulada Abuso sexual infantil: detección e afrontamento por parte do profesorado de Educación Secundaria en Galicia, foi presentada este curso na Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense e estivo dirixida pola profesora deste centro Carmen Verde. “O obxectivo desta tese foi investigar se o profesorado de Educación Secundaria da comunidade autónoma de Galicia ten coñecementos e a formación suficiente sobre abuso sexual infantil, así como a súa capacidade de afrontamento na súa detección e notificación”, comenta a súa autora, licenciada en Filosofía e en Ciencias da Educación (Pedagoxía). Tamén investigou a existencia de protocolos de actuación ante a agresión sexual nos centros educativos galegos, coa finalidade última de demostrar que a súa existencia é clave no seu afrontamento.

A experiencia do abuso sexual infantil, comenta a xa doutora pola Universidade de Vigo, “é un suceso traumático e ten un carácter especialmente negativo para as vítimas por estar causado deliberadamente polas persoas que debían protexelos e non agredilos”. Os centros educativos, engade, “constitúen uns dos espazos, xunto coa familia, no que transcorre a maior parte da vida dos menores de idade; por iso ten un papel decisivo á hora de identificar posibles situacións de abuso sexual e afrontar a intervención protectora do menor de idade”. O profesorado e a contorna escolar, comenta, “deben ofrecer protección aos menores de idade ao seu cargo ante estas situacións de vulnerabilidade, deben identificar e afrontar os posibles abusos sexuais infantís e para iso é decisivo que teñan un amplo coñecemento sobre o abuso sexual”.

Case 500 enquisas

Na súa tese de doutoramento, Rosa María Rúa empregou varias técnicas de investigación: unha revisión sistematizada para analizar de que forma se abordou o abuso sexual infantil na literatura especializada; entrevistas para obter valoracións expertas sobre a materia e un estudo realizado mediante un cuestionario a unha mostra de 478 profesoras e profesores de centros públicos e concertados de Educación Secundaria en Galicia.

“Os resultados obtidos nesta investigación empírica foron consistentes con investigacións previas e trasladan certas crenzas, mitos e estereotipos sobre o abuso sexual infantil por parte dos docentes; certos prexuízos sobre a imposibilidade de que se produza este tipo de violencia na vida dos nenos, nenas e adolescentes do centro escolar onde se traballa, o que provoca, á súa vez, o silencio da comunidade educativa resultado da negación do fenómeno”, sinala a investigadora na súa tese. O estudo, detalla, “arroxa unha porcentaxe moi baixa (37,3%) do profesorado que afirma saber como actuar ante o abuso sexual a un menor de idade, o que indica que este colectivo non sabe como abordar a cuestión”. O 85,8% das e dos participantes no cuestionario opinan que o profesorado pode contribuír a detectar o abuso sexual infantil e o 87,4% manifesta un total acordo no papel do centro educativo na protección do menor de idade fronte ao abuso sexual. “Observamos un acordo unánime en sinalar ao profesor como a persoa máis indicada de todos os profesionais do medio escolar para detectar que un menor está a ser abusado sexualmente”, apunta Rosa María Rúa.

Ferramentas profesionais e persoais

Os resultados do traballo, comenta a investigadora, “confirman as hipóteses de partida desta investigación acerca de que no contexto educativo existe un silencio profesional ante as situacións de abuso sexual infantil, que os centros escolares non contan con protocolos específicos de actuación e o descoñecemento dos textos legais e os procedementos de notificación nos casos de abuso sexual infantil”. A totalidade das e dos participantes afirmaron, indica Rosa María Rúa na súa tese, que aínda que o centro educativo debe intervir ante un caso deste tipo “non o fai porque os profesionais que traballan nela descoñecen o procedemento de intervención”.

“É obvio, á vista dos resultados, que o profesorado dos institutos de secundaria participantes no estudo non sabe como actuar ante os casos de abusos sexuais e que cando teñen que facer fronte a esta problemática vense totalmente desvalidos por falta de capacitación a nivel de coñecementos sobre o abuso sexual e de xestión dos recursos e ferramentas específicas (protocolos de actuación) para afrontar estas situacións”, comenta Rosa María Rúa. As cifras nas diferentes cuestións relacionadas co afrontamento obtidas no estudo, subliña a autora da tese, demandan expor canto antes a capacitación do profesorado en abuso sexual infantil e implantar nos centros educativos protocolos de actuación ante o abuso sexual para que se sintan competentes para lidar con estas situacións”. A investigación realizada, sinala, “empraza á comunidade educativa galega a ter unha mellor e unha maior formación para saber identificar mellor o posible abuso sexual infantil nos nenos, nenas e adolescentes que comparten o centro escolar no que se traballa e para dispor de ferramentas persoais (sensibilización, coñecementos, etc.) e profesionais (protocolos, guías, etc.) que posibiliten afrontar as situacións nas que é detectado”.