DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O certame está organizado pola Mancomunidade de Municipios de Verín

Profesorado da Facultade de Historia relanzará o Premio Xesús Taboada Chivite

A súa última convocatoria tivo lugar no ano 2007

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Divulgación
  • Premios
  • Académica
Rosa Tedín DUVI Ourense 14/01/2019

Despois de estar se convocarse desde o ano 2007, o Premio Xesús Taboada Chivite, organizado pola Mancomunidade de Municipios de Verín, prepárase para volver á palestra con azos renovado. Para facelo, os seus promotores buscaron como aliado a profesorado da Facultade de Historia do campus de Ourense.

Concretamente, esta colaboración materialízase na realización por parte de profesorado do Departamento de Historia, Arte e Xeografía da Universidade de Vigo dunha asistencia técnica do premio que abrangue a divulgación do certame, a revisión das bases da convocatoria, a selección do panel do xurado, a avaliación das candidaturas e a organización do acto de entrega do galardón, que se celebrará en Verín. O profesorado que participa nesta acción é Susana Reboreda, Fermín Pérez, Adolfo Fernández, Jesús de Juana e Julio Prada.

Temas históricos, antropolóxicos e arqueolóxicos

O Premio Xesús Taboada Chivite naceu coa finalidade de promover traballos de investigación científica nos ámbitos da arqueoloxía, a antropoloxía e a historia e para homenaxear a Xesús Taboada Chivite pola súa obra de estudo e divulgación nesas disciplinas. A última convocatoria do certame, dotada con 6000 euros e correspondente a 2007, estaba aberta “a traballos de investigación científica sobre temas históricos, antropolóxicos e arqueolóxicos, cinxidos ao ámbito territorial de Gallaecia ou que estuden as relacións de Galicia e Portugal desde aspectos históricos, antropolóxicos ou arqueolóxicos”.

“A posta en marcha desta colaboración xorde a raíz de que desde a Mancomunidade de Municipios de Verín se puxeron en contacto con nós coa idea de encargarnos a xestión do premio. A convocatoria estaba totalmente parada e querían recuperala dándolle outro aire. A nós pareceunos moi interesante que buscasen apoio na Universidade de Vigo para facelo”, comenta Susana Reboreda en nome do equipo do Departamento de Historia, Arte e Xeografía participante. Ante esta proposta, comenta, “decidimos como docentes asumir ese labor de xestión xa que é tamén unha forma de recoñecemento a moitas tarefas que pode desempeñar o profesorado e que están fóra do que son as canles habituais”.

Relevancia da iniciativa

“Para nós é moi importante esta iniciativa no senso de que unha vez máis estamos interaccionando coa contorna e abríndonos a unha tarefa nova”, comenta Susana Reboreda, tamén decana da Facultade de Historia. Así, detalla a profesora, con concellos da contorna o profesorado do centro xa ten experiencia de anos anteriores en contratacións con finalidades arqueolóxicas ou de estudo histórico. “O da Mancomunidade de Municipios de Verín é un encargo máis no que a sociedade está recoñecendo a nosa capacidade de realizar múltiples actividades que non só teñen que ver coa docencia e a investigación”, indica.

Sobre a relevancia de contribuír ao relanzamento deste galardón, Susana Reboreda salienta como “é moi importante que no eido das humanidades haxa este tipo de recoñecementos” co obxectivo de contribuír á investigación e á súa visibilización e como o premio “é un recoñecemento que se lle fai a Taboada Chivite nas súas principais tarefas como investigador”. Lembrando como profesorado da Facultade de Historia ten unha ampla relación coa comarca de Verín grazas a diferentes contratacións para proxectos arqueolóxicos e de estudo histórico, a profesora salienta o valor que supón para esta zona contar tamén cun galardón “desta importancia”.

Proposta de novas bases

A asistencia técnica desenvolverase ao longo de 2019. Segundo explica Susana Reboreda, o profesorado participante xa elaborou unha proposta de novas bases do premio na que “reformamos a última convocatoria, mantendo algunhas cousas e modificando ou actualizando outras”. Este borrador xa está na Mancomunidade de Municipios de Verín para a súa valoración e o lanzamento da convocatoria deste ano.