DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunhas xornadas celebradas este venres no campus

O profesorado da Facultade de Relacións Internacionais aposta pola innovación docente

Nelas abordaron temas como a intelixencia artificial xerativa e ferramentas como os hackathon

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Charlas e seminarios
  • Internacional
  • Académica
DUVI Ourense 18/09/2026

Este venres a Facultade de Relacións Internacionais e o Grupo de Innovación Docente en Relacións Internacionais, Unión Europea e Dereito Internacional celebraron no campus de Ourense a xornada Reflexións e propostas de innovación docente no eido das relacións internacionais. Nelas abordaron temas como a intelixencia artificial xerativa e a despatriarcalización das relacións internacionais e ferramentas como os hackathon ou as simulacións de procedementos. 

A dirección e secretaría do acto recaeu nas profesoras da Área de Dereito Internacional Público e Relacións Internacionais Laura Movilla Pateiro e Annina Burgin Piñeiro, contando a inauguración da xornada coa participación de Laura Carballo, decana da Facultade de Relacións Internacionais. O obxectivo da actividade foi o intercambio entre o profesorado de reflexións e experiencias de innovación docente no ámbito das relacións internacionais.

Sobre a pertinencia da celebración deste encontro, as súas responsables sinalaron que “a docencia no noso Grao en Relacións Internacionais comparte as inquedanzas xerais da docencia universitaria, como a incorporación da intelixencia artificial xerativa, que resulta especialmente desafiante nun ámbito como o das relacións internacionais, tradicionalmente moi baseado na lectura e na argumentación escrita e oral”. Mais tamén, engaden, “presenta outros desafíos docentes específicos, por tratarse dun grao altamente interdisciplinario, cun obxecto de estudo, a actualidade internacional, que muda case a diario, e que esixe traballar en varias linguas e preparar ao alumnado para saídas profesionais moi heteroxéneas”.

Múltiples disciplinas e propostas

A conferencia inaugural da xornada foi impartida por Enrique Costa Montenegro, catedrático de Enxeñaría Telemática e director da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo, quen abordou a integración da intelixencia artificial xerativa na docencia universitaria e compartiu cos asistentes a experiencia pioneira das escolas de enxeñaría do campus de Vigo, “unha iniciativa de referencia da que agardamos extraer aprendizaxes valiosas para impulsar a adopción destas ferramentas tamén na Facultade de Relacións Internacionais”, tal e como apuntaron desde o centro.

A chamada a contribucións entre o profesorado da facultade ourensá, indican desde a organización da xornada, “tivo unha excelente acollida, o que demostra o interese pola mellora continua da súa docencia e as inquietudes que estes temas espertan entre o profesorado desta casa”. Nas achegas presentadas este venres abordaron “unha gran variedade de cuestións”, entre as que destacan a aprendizaxe activa mediante ferramentas de análise de controversias; a ludificación da resolución de conflitos internacionais e da aprendizaxe do dereito diplomático; e o hackathon como metodoloxía para o ensino dos métodos alternativos de resolución de conflitos. Tamén se falou de cuestións como as simulacións de procedementos ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea; o uso de memes na docencia e na aprendizaxe das institucións e políticas da Unión Europea; e a despatriarcalización das relacións internacionais. O ensino do discurso institucional en francés; as competencias interculturais; a cocreación docente e a aprendizaxe experiencial; ou a elaboración de vídeos educativos mediante ferramentas de IA completaron a programación. 

Estas achegas do profesorado da Facultade de Relacións Internacionais da UVigo presentadas na xornada recolleranse nun libro colectivo que será publicado en acceso aberto pola editorial Atelier.