Dirección e Xestión Pública acolle unhas xornadas sobre o seu impacto en docencia e investigación
Profesorado de Polonia fórmase no campus nas aplicacións da intelixencia artificial para o ensino do dereito
O obxectivo desta iniciativa é que sirva como proxecto piloto para futuras accións formativas
Ao abeiro dun programa financiado pola Unión Europea, un grupo de docentes da Universidade Católica de Lublin fórmanse nestes días na Facultade de Dirección e Xestión Pública nas aplicacións da intelixencia artificial no ensino do dereito. Fano nas Xornadas internacionais sobre o impacto da IA na práctica docente e investigadora, coordinadas pola profesora Soraya Rodríguez e promovidas co apoio do Consello Social da UVigo. Este seminario pon o foco nas posibilidades que as ferramentas de intelixencia artificial xerativa poden supor no labor docente e investigador no ámbito xurídico, así como na transferencia de coñecemento.
O xerme desta iniciativa, lembra Rodríguez Losada, foi a participación o pasado curso de docentes de Dirección e Xestión Pública nun BIP, un programa de mobilidade de curta duración, na John Paul II Catholic University de Lublin. O profesorado desta institución amosou o seu interese por obter “formación específica sobre o uso da IA” no ámbito do dereito, o que levou á sinatura dun convenio de colaboración coa UVigo para o desenvolvemento deste “proxecto piloto formativo”, explica a docente, que incide en que esta iniciativa permite tamén explorar as necesidades e demandas neste eido de profesorado de diferentes universidades.
Formación teórica e práctica
Partindo do seu propio traballo no “deseño de prompts que puideran ser útiles para a docencia universitaria en materias xurídicas”, así como para a súa investigación na área do dereito financeiro e tributario, Rodríguez coordina un “seminario teórico-práctico” que combina relatorios e talleres con mesas redondas dirixidas á posta en común das cuestións abordadas.
A actividade botou a andar o luns cunha xornada sobre o uso da intelixencia artificial na docencia, na que a profesora da UVigo abordou as súas posibilidades para o deseño de materiais, exames ou casos prácticos, para logo promover un taller sobre o deseño de tarefas con estas ferramentas, a “detección do copia e pega” e o seu uso na avaliación dos coñecementos do alumnado. A segunda xornada puxo o foco nos ámbitos da investigación e da transferencia, abordando cuestións como as súas posibilidades para o “mapeamento avanzado de literatura e síntese científica” e as súas posibilidades para “achegar lexislación complexa á cidadanía”. Esta xornada completouse cun taller de deseño de presentacións para congresos e outro centrado na transformación de textos xurídicos en “resumos accesibles”, infografías ou materias visuais.
As xornadas complétanse este mércores cunha sesión centrada no uso destas ferramentas para o “aforro de tempo”, na que se abordan cuestións como a súa aplicación en “fluxos de correo, dúbidas de alumnos e administración diaria”.
A estas xornadas formativas sumouse unha xuntanza do profesorado da John Paul II Catholic University de Lublin co decano de Dirección e Xestión Pública, Fernando Martínez, e a videcana Sara Torres, dirixido a avaliar novas vías de colaboración.
Un campo no que continuar traballando
Como apunta Rodríguez, esta actividade constitúe un “proxecto piloto”, no que comezar a definir “unha folla de ruta” que permita traballar, xunto a diferentes socios, en accións formativas máis amplas neste eido. Con esa idea, cada xornada completábase cunha mesa redonda dirixida “a pór en común as nosas necesidades e como podemos implantar isto nas nosas universidades”, explica. Con ese propósito, estes debates sumaron ao profesorado polaco a participación por videoconferencia de docentes das universidades de Debrecen (Hungría) e Cagliari (Italia).
