DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O ‘VI Congreso Internacional de Docencia Universitaria’ acada a súa sexta edición

O profesorado universitario reunirase en Vigo para debater sobre innovación e investigación educativa

Os días 20, 21 e 22 de xuño abordaranse os desafíos actuais do ensino

Etiquetas
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI 23/04/2019

O VI Congreso Internacional de Docencia Universitaria terá lugar na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Vigo os días 20, 21 e 22 de xuño e porá o foco na innovación e a investigación educativa nos diversos ámbitos académicos universitarios. Pedro Membiela, docente do Departamento de Didácticas Especiais e membro do comité organizador explica que o evento xorde “como un escenario de difusión, comunicación e interacción destinado ao corpo docente”, no que se amosarán as últimas actividades e metodoloxías levadas a cabo por formadores a través de diferentes relatorios e mesas redondas.

O congreso, que iniciou a súa andaina no ano 2009, xurdiu como unha xuntanza multidisciplinar cun obxectivo claro, falar de futuro. Para acadar unha cifra elevada tanto de participación coma de asistencia, o equipo organizador decidiu esbozar dúas liñas temáticas que abarcan numerosos contidos: a innovación por un lado, e a investigación polo outro, son as dúas vertentes sobre as que xiran os relatorios e coas que se espera “facilitar a asistencia e acadar o máximo número posible de participantes e poñentes”, explica Membiela. No evento compartiranse, veranse e debateranse diferentes técnicas de innovación, investigacións sobre o ensino universitario  actual, os desafíos para o profesorado, o uso das novas tecnoloxías nas aulas e o perfil do alumnado do século XXI, entre outros. Todos os temas que se abordarán están destinados a todo tipo de profesorado universitario, pois “calquera docente ten cousas interesantes que amosar e que ver”, sinala o docente. 

En canto aos motivos que levan a repetir esta actividade cada dous anos dende o 2009, a organización destaca “o intercambio de vivencias, que axuda por unha banda, a pensar no camiño percorrido, nas dificultades que xurdiron, nos logros acadados, e por outra, a mellorar a práctica”. Ademais, a iniciativa ten un compoñente internacional dado que “non hai moitas actividades como esta a escala global” e asisten poñentes e público de todos os recunchos do mundo, mesmo os membros do comité científico proveñen de países como México, Brasil, Chile, Italia e Portugal. 

Unha ollada educativa cara o futuro

No sistema educativo hai diferentes modelos e diversos xeitos de impartir as clases, pero o importante é que as e os educadores se animen a “facer cousas novas dentro das aulas ou simplemente asistir a xornadas sobre educación para o futuro”, xa que en eventos coma este “sempre se descobren actividades interesantísimas e o máis motivador é chegar a acadar entre a participación unha diversidade de opinións satisfactoria”, asegura o docente. 

Pese a organizar a primeira edición nos comezos da crise económica mundial, o congreso internacional bienal realízase dende o 2009 e logra un “amplo número de participantes entre os que tamén se respira un relevo xeracional” explica o membro do comité organizador, que invita a todo o persoal docente e investigador “a que visite, participe e facilite os escenarios de difusión, comunicación e interacción”, conclúe Membiela.