DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun programa presentado este martes no campus de Ourense

Profesorado universitario xubilado dará mentoría investigadora a profesionais da educación social

O seu obxectivo é crear unha rede de colaboración interxeracional e de transferencia de coñecemento

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
  • Universidade e empresa
  • Investigación
DUVI Ourense 28/07/2026

A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense e o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia presentaron este martes o novo Programa de mentoría investigadora de profesorado universitario xubilado con profesionais da educación social. A iniciativa busca activar unha rede baseada na colaboración interxeracional e na transferencia de coñecemento para avanzar no corpus teórico desta profesión. 

A presentación contou coa participación de Montserrat Cruz, vicerreitora do campus de Ourense; Isabel Mociño e Deibe Fernández Simo, decana e vicedecano respectivamente da Facultade de Educación e Traballo Social, e Sonia González, presidenta do Colexio Profesional de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia. No acto, a vicerreitora subliñou os beneficios da mentoría e amosou o seu desexo de que esta iniciativa sexa un éxito que se poida replicar e escalar noutros centros do campus. Pola súa banda, Isabel Mociño indicou que a actividade forma parte do compromiso estratéxico da facultade de conexión coa contorna e apuntou que o programa nace tanto do respecto ao talento forxado nas aulas universitarias como da necesidade de xerar coñecemento entre a academia e a profesión, neste caso desde o “acompañamento, o respecto a aprendizaxe mutua” no ámbito da educación social. 

Ante a consideración de que educadoras e educadores sociais “imos construíndo profesión ás veces dun xeito illado”, Sonia González salientou que esta iniciativa contribuirá a recoller por escrito esta experiencia e saber profesional e poder empregalo para “mellorar os servizos públicos”. Do mesmo xeito, Deibe Fernández Simo destacou que o programa agora lanzado contribuirá a seguir construíndo o corpus teórico da educación social, neste caso a partir da experiencia profesional das persoas que traballan neste eido e de profesorado universitario. 

Crear pontes

No marco do Programa Universitario de Liderado Social (Pulso) da Facultade de Educación e Traballo Social, a iniciativa busca activar unha rede de mentoría baseada na colaboración interxeracional e na transferencia de coñecemento. “O profesorado universitario xubilado asumirá un papel fundamental como persoa mentora, acompañando ás e aos profesionais da educación social no desenvolvemento de competencias investigadoras, contribuíndo así á produción de coñecemento aplicado e ao fortalecemento da profesión”.

Da experiencia á investigación. Programa de mentoría investigadora de profesorado universitario xubilado con profesionais da educación social, explican desde as entidades promotoras, “nace do convencemento de que o coñecemento, a experiencia e a traxectoria investigadora acumulados polo profesorado universitario xubilado constitúen un patrimonio de extraordinario valor para a sociedade”. A través deste programa pioneiro, engaden, “pretendemos crear unha ponte entre a universidade e a práctica profesional, facilitando que educadoras e educadores sociais poidan transformar a súa experiencia cotiá en investigación científica útil para comprender e mellorar as intervencións socioeducativas”. 

A primeira edición, explicaron na presentación celebrada este martes, centrarase na investigación sobre educación familiar nos concellos de Galicia e contará inicialmente coa participación de profesorado xubilado vinculado á Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense, coa vontade de ampliar posteriormente a iniciativa a outras universidades galegas.