DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con flyboard, descenso de rápidos, surf, wakeboard, windsurf e mergullo

O programa Augaventura propón sete xeitos de mollarse no outono

Ademais tamén se organiza unha ruta pola illa de San Simón que combina kaiak, andaina e snorquel

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Deportes
  • Medio Ambiente
  • Saúde
  • Deportes
M. Del Río DUVI 24/09/2021

O programa Augaventura regresa este primeiro cuadrimestre propoñendo sete formas de mollarse agora que chega o outono. Esta proposta, organizada pola Área de Benestar, Saúde e Deporte, centralízase ao longo do mes de outubro, con diferentes datas e horarios para que tanto a comunidade universitaria como as persoas alleas a ela poidan achegarse a toda unha serie de actividades deportivas relacionadas co medio acuático. 

As actividades comezarán o 9 de outubro e repiten as modalidades que xa se practicaron na edición do pasado curso académico. Deste xeito, as e os participantes poderán elixir entre flyboard, descenso de rápidos (rafting), surf, wakeboard, windsurf, mergullo e, ademais, realizarán unha ruta pola illa de San Simón que combina kaiak, andaina e snorquel. 

20 anos de actividades a remollo

O programa Augaventura arrancou hai 20 anos co obxectivo de achegar a práctica de actividades acuáticas que requiren material especializado e custoso á comunidade universitaria e á cidadanía en xeral. Grazas a este programa, que ten unha edición e primavera e outra en outono, as e os interesados poden iniciarse nestas modalidades a prezos accesibles. O prazo de inscrición para as diversas actividades está xa aberto a través do Campus Activo. Os prezos varían segundo sexa para membros da comunidade universitaria, para colectivos vencellados á UVigo ou para persoas alleas. Ademais, poden beneficiarse dun dun 20% de desconto todas aquelas persoas que teñen o abono Muver activo.

Flyboard

A primeira das actividades en botar a andar será flyboard, unha disciplina na se que emprega unha táboa suxeita aos pés cunhas botas que propulsan un chorro de auga controlado que permite elevarse sobre o mar chegando incluso aos 12 metros de altura. As persoas interesadas en probar esta disciplina poden elixir entre dúas datas, 09 e 23 de outubro, a partir das 10.00 h no Peirao de Bouzas en colaboración coa empresa Tierra y Mar. Os prezos varían entre os 20 euros para os membros da comunidade universitaria, 30 euros para outras persoas e colectivos vencellados ás UVigo e 40 para a cidadanía en xeral. Sobre estes prezos aplicaríase un desconto do 20% para persoas da comunidade universitaria con abono Muver. Con todo, a organización lembra que está totalmente desaconsellada a práctica desta modalidade para mulleres embarazadas, persoas con patoloxías graves de costas ou pescozo, persoas con otite e persoas con luxacións de ombreiros ou xeonllos.

Windsurf

Outra das actividades clásicas de Augaventura é o windsurf, que se oferta tamén en colaboración con Tierra y Mar no Liceo Marítimo de Bouzas. Para esa actividade as persoas participantes deberán levar traxe de baño, toalla, tenis para mollar e útiles de ducha e o resto do equipo facilitarao a empresa colaboradora. Están programadas dúas datas a elixir, o 19 e 26 de outubro, e o horario será de 16.00 a 18.30 h. Os prezos van entre os 10€ para a comunidade universitaria aos 15€ ou 20€ para os outros colectivos, ademais do desconto do abono Muver. 

Wakeboard

Outra das propostas de Augaventura é o wakeboard, tamén coñecido como esquí acuático. En  colaboración tamén con Tierra y Mar están programadas dúas datas: 17 e 31 de outubro a partir das 10.00 horas no Peirao de Bouzas. As e os participantes deben levar traxe de baño, chancletas, toalla e útiles de ducha, xa que o material específicos para esta práctica deportiva está incluído no prezo, que varía entre os 10€, os 15€ e os 20€, aos que se aplica un 20% no caso de ser posuidor dun abono Muver. Dende a organización recalcan que esta actividade está totalmente desaconsellada para mulleres embarazadas, persoas con patoloxías graves de costas ou pescozo e luxacións de ombreiros ou xeonllos ou otite.

Surf

No caso do surf, as persoas interesadas poden elixir entre os días 17, 24 e 31 de outubro, en horario de tarde. En colaboración con Prado Surf, este bautizo de mar terá lugar na praia de Patos e comprende unha hora para familiarizarse co material, as normas de seguridade na auga e realizar quecemento muscular e estiramentos e unha segunda hora que será para a práctica deportiva. Os prezos varían entre os 6€, os 9€ e os 12€ e inclúen a cesión do material, polo que tan só é preciso levar roupa de baño e toalla.

Mergullo

No caso do mergullo, Augaventura ofrece dúas alternativas, o bautizo en piscina e o mergullo no mar, ambas en colaboración con Buceo Illas Cíes. A primeira terá lugar na Piscina Universitaria SOOM CDU Vigo o 21 de outubro de 16.00 a 18.00 horas e a matrícula varía entre 10€, 15€ e 20€, ao que hai que engadir o desconto do abono Muver. Para quen prefira o mergullo no mar, o lugar elixido son as illas Cíes e ofértanse dúas datas: 23 ou 30 de outubro en horario de mañá.  Os prezos varían entre 40€, 60€ e 80€.

Tanto para a actividade en piscina como no mar, é preciso levar traxe de baño, chancletas, toalla e útiles de ducha e o material de mergullo será proporcionado pola empresa colaboradora. Esta práctica está desaconsellada para mulleres embarazadas, persoas con otite, sinusite ou perforación de tímpano, persoas con epilepsia, con episodios repetidos de perda de coñecemento, de neumotórax espontáneo ou quistes pulmonares. No caso e hipertensión e diabetes débese consultar co persoal técnico responsable da actividade.

Descenso de rápidos (rafting)

Outra actividade que non pode faltar en Augaventura é o descenso de rápidos no río Miño, ao seu paso por Arbo. En colaboración coa empresa Arrepións, as persoas interesadas poden elixir entre o 15 e 29 de outubro en horario de mañá en ambos casos. A inscrición na actividade, que varía entre 15€, 22,50€ e 30€, inclúe o transporte ata o punto de encontro sempre e cando se complete un microbús entre as persoas participantes de Pontevedra e Vigo. As persoas participantes deberán levar roupa de baño, toalla, tenis para mollar e útiles de ducha, o resto do equipamento (casco e chaleco homologado, traxe e escarpíns de neopreno de 5 mm.) corre a cargo da empresa. 

Kaiak, snorkel e andaina pola illa de San Simón

Finalmente o programa de outono de Augaventura complétase cunha actividade multidisciplinar que, na contorna da illa de San Simón, une kaiak, snorquel e andaina. Esta proposta, organizada en colaboración coa empresa Marexada, desenvolverase os días 16 e 30 de outubro en horario de mañá e consiste nunha travesía en kaiak pola enseada de San Simón realizando diferentes paradas de interese entre as que destaca a estatua de Xulio Verne e a lenda do Nautilus. Unha vez en terra, realizarase un percorrido guiado pola illa de San Simón e as súas instalacións e posteriormente, farase unha pequena parada nos illotes de San Bartolomé e San Norberto para coñecer a auténtica lenda dos naufraxios de Rande. Os prezos para esta actividade varían entre 20€, os 30€ e os 40€. O punto de encontro será a praia de Cesantes, onde se procederá ao reparto de material e unha sesión de introdución á navegación en kaiak. É preciso levar roupa e calzado de baño, o resto do material (licra, neopreno, chaleco salvavidas, gafas e aletas) corre a cargo da organización.