DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As solicitudes poden presentarse ata o día 30 deste mes de maio

O programa Campus Rural ofrece 55 prazas para realizar prácticas en concellos de menos de 5000 habitantes

Hai 25 empresas e entidades implicadas que acollerán o alumnado

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • Vigo
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI 27/05/2024

Dende a Fundación Ceo, Ciencia e Cultura ata Algas Atlánticas Algamar, pasando pola Escola de Educación Infantil de Taboexa e por multitude de pequenos concellos. O programa Campus Rural busca estudantes que queiran realizar as súas prácticas este verán en empresas e entidades radicadas en lugares pouco poboados. As e os interesados teñen ata o vindeiro 30 de maio para presentar as súas solicitudes e o requisito principal é estar matriculado en titulacións de grao ou mestrado, tendo superados 120 créditos no primeiro caso e o 50% dos créditos no caso de tratarse dun PCEO. 

Esta iniciativa, promovida polo Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico en colaboración co Ministerio de Universidades e a CRUE, Conferencia de Rectores das Universidades Españolas, ten como finalidade que o alumnado universitario de calquera titulación oficial poida realizar prácticas formativas en concellos de menos de 5000 habitantes en zonas rurais con problemas de despoboamento a través de entidades como concellos, empresas, asociacións ou outros organismos localizados nestas zonas. A primeira fase do programa consistiu na procura das entidades acolledoras, que nesta edición son un total de 25, e agora ábrese unha segunda fase, na procura do alumnado que queira realizar as súas prácticas académicas, tanto curriculares como extracurriculares, no ámbito rural. A característica principal deste programa é que esas estadías as realizarán “residindo” nesa contorna, “coñecéndoa en profundidade e convivindo e colaborando coa súa xente, de modo que poidan vela como un lugar de oportunidades para o desenvolvemento do seu futuro profesional”, tal e como se indica na propia convocatoria das bolsas. As prácticas terán unha duración de entre 2 e 4 meses e desenvolveranse entre o 1 de xullo e o 15 de novembro, cunha duración de 35 horas semanais, recibindo cada unha das persoas beneficiarias unha axuda económica por un máximo de 1000 euros.

Multitude de perfís e dende Galicia ata Teruel

As empresas, entidades, concellos, asociación e comunidades de montes inscritos na convocatoria demandan perfís profesionais moi variados, que cobren todos os eidos do coñecemento, como estudantes de Dereito, Publicidade e RRPP, Administración e Dirección de Empresas, Belas Artes, Bioloxía, Ciencias Ambientais, Comercio, Ciencias da Actividade Física e do Deporte, Educación Infantil e Primaria, Enxeñaría Forestal, Traballo Social, Turismo, etc.

O alumnado interesado poderá elixir segundo a súa titulación os diferentes destinos ofertados, con prazas en concellos das catro provincias galegas e mesmo fóra delas, como é o caso da Asociación Centro de Innovación Territorial da Provincia de Teruel ou o Ayuntamiento de El Recuenco, en Guadalajara, ou a Mancomunidad del Alto Tajo.

Unha vez pechado o prazo de presentación de solicitudes, a selección será efectuada pola comisión de avaliación, presidida pola vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini. Cada estudante poderá elixir un máximo de oito prácticas, determinando na solicitude a súa orde de prioridade.