DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Impulsado pola UCC+i, comprende feiras, cursos de formación, concursos ou xornadas

O programa Ciencia de ida e volta espallará a divulgación científica polos tres campus ata o verán

Para visibilizar as liñas de investigación e fortalecer as habilidades de comunicación do PDI

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Divulgación
  • Institucional
M. Del Río DUVI 24/11/2022

Dende este mes e ata o comezo do próximo verán, os tres campus da Universidade de Vigo acollerán diversas propostas de divulgación científica que buscan promocionar e difundir a cultura científica, tecnolóxica e da innovación entre os diferentes axentes sociais: estudantado, comunidade universitaria e cidadanía, en xeral. Estas actividades desenvolveranse baixo o paraugas do programa Ciencia de ida e volta, o plan anual de actividades 2022/2023 da Unidade de Cultura Científica da UVigo, que este xoves se presentou no edificio Ernestina Otero da man das vicerreitoras de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio e de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama.

O plan, explicaron, foi bautizado como Ciencia de ida e volta en referencia ao “movemento circular da ciencia: como as investigacións científicas poden aplicarse na sociedade e como a sociedade pode propoñer novos retos, novas ideas ou axudar e complementar as investigacións”, como destaca Rubio. Esta segunda edición, con actividades destinadas “a calquera tipo de público, de calquera idade”, ten como obxectivo achegar a UVigo á cidadanía para que coñeza “o que fan os nosos centros de investigación, os nosos departamentos e nos grupos de I+D”. 

A vicerreitora da Investigación animou ao persoal investigador a participar neste tipo de actividades e lembroulles que “hai un cambio á hora de avaliar os currículos” que permitirá ter en conta non só as publicacións, as citas e os pappers, senón tamén “todas estas actividades de transferencia e divulgación”. De feito, anunciou que nesta liña a UVigo acaba de adherirse a Coara, Coalition for Advancing Research Assessment, un consorcio cuxo obxectivo é que “a avaliación da investigación, o persoal investigador e as organizacións de investigación recoñeza os diversos resultados, prácticas e actividades que maximizan a calidade e o impacto da I+D”.

O plan de actividades Ciencia de ida e volta desenvolveranse dende este mesmo mes de novembro ata xuño e conta cun orzamento de 128.000 euros sufragado con fondos propios e cunha achega da FECYT de 11.000 euros, o que supón un incremento do 29% con respecto ao orzamento de 2021/2022.

A próxima semana arranca a formación para o PDI

A programación de actividades arranca xa a vindeira semana, e farao cun plan de formación para o PDI, unha iniciativa que resultou “moi exitosa” o ano pasado, como explicaba Mónica Valderrama, que foi a encargada de detallar todas as actividades deseñadas para os próximos oito meses. A vicerreitora adiantou que esta edición do curso conta xa con máis de 40 persoas inscritas que aprenderán a relacionarse cos medios de comunicación, a xestionar a comunicación a través das redes sociais ou a organizar actividades de divulgación científica. Para isto contarán coas achegas de investigadores e investigadoras da UVigo que xa teñen unha ampla experiencia en divulgación científica.

11F. Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia

O plan de actividades 2022/2023 inclúe tamén unha serie de actividades artelladas arredor do 11F na UVigo, que se desenvolverán na primeira quincena de febreiro para conmemorar o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. En colaboración coa Unidade de Igualdade, están programadas charlas en centros escolares, “unha vía moi importante para espertar vocacións”, así como unha nova edición do programa ElasFanCienTec, unha proposta que comprende obradoiros na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, na Escola de Enxeñería Industrial, na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía e no Centro de Investigacións Biomédicas (Cinbio). Segundo explicaba a vicerreitora, a idea é que as nenas e nenos de 3º e 4º de ESO de centros da contorna participen en experiencias manipulativas, porque “a faceta experiencial é moi importante, aquilo que vives queda moito mellor fixado na mente” e isto é “algo esencial” para que no futuro se interesen por estes eidos do coñecemento á hora de elixir os seus estudos universitarios. As propostas para o 11F complétanse cunha charla interxeracional na que se darán cita unha investigadora de pre-doutoramento, unha de pos-doutoramento, unha investigadora consolidada e unha catedrática en idade próxima á xubilación. A idea será debater sobre os problemas que tiveron ou seguen tendo por seren mulleres, analizando os diferentes retos que se lle presentaron nas diferentes etapas da vida e abordando tamén aspectos como o teito de cristal e a gráfica tesoira. 

Feira científica

Outro dos puntos fortes de Ciencia de ida e volta será unha feira científica que terá lugar na primavera, e que como xa sucedeu no curso pasado comprenderá actividades durante a mañá para alumnado de primaria de centros da contorna e, pola tarde, diversas propostas experienciais para un público familiar. A feira manterá o mesmo nome que a primeira edición, A ciencia que vén ten nome de muller, e contará tamén cunha achega da Deputación de Pontevedra. “Será un escaparate para todos os grupos de investigación que queiran estar presentes e agardamos ter o mesmo éxito que na edición deste ano”, salientaba Valderrama.

Un bioblitz, podcast, youtubers científicos e conferencias

Outra das propostas para os próximos meses é un bioblitz, unha especie de reto, “unha busca do tesouro, con pistas” que servirá para conmemorar o Día Mundial da Vida Silvestre. Coincidindo con outra efeméride, o Día Mundial da Meteoroloxía, a UCC+i publicará unha serie de podcasts no que persoal investigador abordará a influencia do océano no clima, algo que tamén está afectado polo fenómeno do cambio climático.

Unha das experiencias que repite neste programa é o concurso de vídeos Youtubers científicos, un certame aberto ao PDI da UVigo para que dean a coñecer o seu traballo ou algún contido científico nun máximo de dous minutos e dunha forma divulgativa e entretida. Como actividade previa realizarase unha formación entre a comunidade universitaria baixo o título Claves para o vídeo divulgativo perfecto

O programa complétase cunha xornada sobre creatividade e innovación que se desenvolverá nun cafetería en Pontevedra e coa iniciativa Embaixadores da ciencia e do coñecemento. Esta actividade, igual que o curso pasado, realizarase en colaboración co Programa Universitario para Maiores e consistirá na colaboración entre alumnado sénior e persoal investigador para preparar un tema e impartir unha conferencia sobre o mesmo en público nos tres campus.

A divulgación como parte da transferencia

Na presentación deste plan para o curso 2022/2023 a vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, fixo fincapé nun aspecto que, dende o seu punto de vista, dota á divulgación científica de maior peso dentro do ecosistema da I+D+i. E é que coa recente modificación da Lei da Ciencia, “as unidades de cultura científica e da innovación aparecen por primeira vez reflectidas nunha lei”, de modo que “a divulgación aparece recoñecida como unha pata máis da transferencia, que en lugar de coas empresas, se fai coa sociedade”. Neste sentido, recalcou, a divulgación debe ser considerada “como un dos retos e un dos deberes do persoal investigador” e nesta liña, destacou, a UVigo seguirá apoiando a UCC+i e todas as actividades de difusión da investigación en todos os eidos que desenvolven e traballará para fortalecela e poder ter nun futuro “unha UCC+i estable e dentro da estrutura da Universidade”.