DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Para difundir información sobre iniciativas que a Xunta de Galicia ofrece á mocidade

O programa Correspondentes Universitarios abre o prazo de inscrición

Etiquetas
  • Estudantes
  • Vigo
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI 11/11/2019

Ser un nexo entre a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e o alumnado das universidades. Con este obxectivo en 2016 a Xunta de Galicia e a Universidade de Vigo puxeron en marcha o programa Correspondentes Universitarios, unha rede de estudantes voluntarios que traballan na difusión e dinamización da información xuvenil entre as e os seus compañeiros de estudos. Agora este programa xa está implantado nas tres universidades galegas e as e os interesados en formar parte del xa poden formalizar a súa candidatura a través da páxina VoluntariadoGalego.org.

A finalidade de Correspondentes Universitarios é difundir entre o alumnado a información sobre os distintos programas, oportunidades e iniciativas para a xuventude que promova a Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, e aqueles outros de interese que os mozos e mozas poidan coñecer a través dos medios ao seu alcance como redes sociais, medios de comunicación, páxinas web, etc. Con esta iniciativa trátase de que sexan os propios estudantes, como Correspondentes Universitarios, os encargados de transmitir esa información, o que favorece así a súa participación activa tanto na elaboración como na difusión da información entre iguais.

Entre as función das e dos correspondentes está a xestión regular dun taboleiro ou sistema de divulgación da información no centro que lle asigne a Universidade, así como asistir ás xuntanzas de coordinación que se convoquen e aos cursos de formación organizados pola DXXPV ou as universidades.

Para poder formar parte de grupo de correspondentes, tan só é necesario estar matriculado na Universidade neste curso 2019/2020 e ter como máximo 30 anos. 

Que beneficios ten ser correspondente?

Ademais de ampliar os coñecementos sobre as convocatorias destinadas á xuventude e incrementar o contacto co alumnado da propia Universidade, ser correspondente universitario ofrece outras vantaxes. Por exemplo, reciben formación de balde en materia de información xuvenil, así como o carné xove, o carné internacional de estudante (ISIC) e o carné de alberguista durante o ano escolar no que estean inscritos no programa. Tamén se lles recoñecerá o tempo dedicado como persoas voluntarias, así como a experiencia e competencias adquiridas, a través do certificado de educación non formal en materia de xuventude. No caso da Universidade de Vigo o certificado será expedido pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e a Universidade procederá ao recoñecemento dos créditos. Ademais, poderán participar gratuitamente, durante unha fin de semana, nun encontro autonómico de correspondentes, co aloxamento, a mantenza e a programación de actividades de balde.