DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Impártase nas tres universidades galegas e as lusas de Porto e UTAD

O Programa de Doutoramento en Ciencias Sociais e Envellecemento arranca a súa actividade con todas as prazas cubertas

A UVigo coordina a participación española

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Institucional
DUVI Ourense 14/11/2022

Entre as novidades formativas que incorpora este curso académico a Universidade de Vigo está o Programa de Doutoramento en Ciencias Sociais e Envellecemento. A iniciativa, na que participan as tres universidades galegas lideradas pola UVigo e as lusas de Porto e Trás-os-Montes e Alto Douro (UTAD), xorde no marco do proxecto Universidade sem Fronteiras (UNISF). Na súa posta en marcha, o novo doutoramento conseguiu cubrir as súas 20 prazas dispoñibles, catro adscritas a cada unha das universidades participantes.

A Universidade sem Fronteiras é froito da colaboración entre a Fundación Centro de Estudos Eurorexionais (FCEER) e as universidades públicas da Galicia e do Norte de Portugal. Trátase dun proxecto cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) a través do Programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020. Despois de anos de cooperación, sinalan desde a entidade, decidiron apostar pola creación de títulos conxuntos entre as institucións académicas implicadas para facilitar a posta en común dos seus recursos e puntos fortes, a dinamización da mobilidade de profesorado e alumnado e a creación dunha oferta educativa innovadora e de excelencia eurorexional. Froito desta aposta, nace este Programa de Doutoramento en Ciencias Sociais e Envellecemento.

Ollada multidisciplinar

Segundo indican desde a súa organización, o novo doutoramento “ofrece un espazo de formación avanzada no ámbito dos estudos sobre o envellecemento demográfico e a lonxevidade a través da lente científica das Ciencias Sociais”. Con coordinación conxunta Galicia-Norte de Portugal, a directora do programa é Alexandra Cristina R.S. Lopes (da Universidade do Porto, promotora da iniciativa) e o director adxunto e coordinador da participación española é José María Faílde, profesor da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense. “Este programa xorde no contexto de dous países altamente envellecidos, Portugal e España, e de dúas rexións, Galicia e Norte de Portugal, cuns índices de envellecemento moi moi elevados, dos máis altos de Europa”, comenta José María Faílde recalcando como estas altas taxas de envellecemento non se deben interpretar como un problema senón como un desafío e unha conquista social e sanitaria.

O profesor da UVigo subliña que esta é primeira edición dun programa pioneiro no ámbito galego. “En Galicia non tiñamos ata o de agora ningún programa de doutoramento relacionado co envellecemento, mestrados si pero doutoramentos non”, comenta recalcando a  importancia do obxectivo desta iniciativa de pór tamén a investigación ao servizo dun envellecemento activo. Dado que no Norte de Portugal si existe algún programa neste eido pero máis vencellado á medicina, José María Faílde explica que neste caso optouse por unha perspectiva máis enfocada ao ámbito social. Así, explica, este título nace coa finalidade de complementar a visión do envellecemento desde unha perspectiva multidisciplinar poñendo especialmente a ollada nas ciencias sociais.

Formación común

O Programa de Doutoramento en Ciencias Sociais e Envellecemento, preséntase como “un ciclo de estudos que engade diferentes áreas disciplinares, buscando capitalizar as súas semellanzas, pero tamén as súas diferenzas, nun enfoque centrado nas complementariedades que se asumen como fundamentais para a comprensión dun fenómeno multidimensional como é o envellecemento demográfico e a lonxevidade”. Concretamente, as súas liñas de investigación son envellecemento poboacional e aspectos demográficos; calidade de vida e envellecemento activo; diversidade funcional no envellecemento, innovación social e tecnolóxica; xénero e desigualdades sociais e envellecemento e impacto socioeconómico do envellecemento, organización social dos coidados e políticas públicas. A súa programación arrancou xa cunha parte inicial de formación na que o alumnado ten que cursar seis créditos ECTS obrigatorios e outros tantos optativos que pretenden ofrecerlles unha visión global tanto da investigación (abordando por exemplo aspectos metodolóxicos) como de temas relacionados co ámbito do envellecemento. A docencia, que corre a cargo de profesorado das universidades implicadas, é mixta. Todas e todos os estudantes reciben a mesma formación a través da plataforma telemática do programa e o alumnado adscrito a cada universidade pode asistir de xeito presencial ás actividades docentes desenvolvidas desde a súa propia universidade.

As 20 prazas ofertadas este curso académico repartíronse catro por universidade e no caso da UVigo estas catro foron cubertas en primeira convocatoria por un alumnado procedente de diferentes disciplinas, como a medicina, a enfermaría, o traballo social e a asistencia social, destacando a diversidade de perfís das persoas inscritas no conxunto do programa. Aínda que vai dirixido en primeiro lugar tanto a egresadas e egresados do ámbito xurídico-social e humanístico, os responsables da iniciativa destacan que está aberta a persoas de calquera outra disciplina, desde o ámbito científico e tecnolóxico ata o das ciencias da saúde. O título está adscrito á Escola Internacional de Doutoramento da UVigo e impártese desde a Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense, contribuíndo, tal e como explica José María Faílde, a complementar a formación das e dos seus egresados, “moitos dos cales, como os de Traballo Social, atopan un xacemento de emprego importante no ámbito xerontolóxico”.