DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O programa Erasmus, unha experiencia irrepetible no ámbito da mobilidade

A ORI está ofrecendo charlas informativas sobre as bolsas nos tres campus

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 19/02/2008

Con máis de 20 anos de experiencia, o programa Erasmus está xa consolidado como unha das apostas fundamentais no ámbito da mobilidade académica. O traballo da Universidade de Vigo neste ámbito está a deixar resultados salientables que a colocan como a universidade galega que máis estudantes manda, con estas bolsas, a estudar por todo o continente europeo.
Ano tras ano, o número de estudantes que se embarcan nesta experiencia aumenta e, dende a Oficina de Relacións Internacionais, ofrécese unha serie de sesións informativas para que os estudantes da institución entren en contacto co programa. Ao longo desta semana, os tres campus acollen sete xuntanzas nos diferentes centros para coñecer a nova convocatoria destas bolsas para o vindeiro curso 2008-2009. A primeira destas sesións, celebrada na ETSE Industriais, estivo destinada a estudantes desta escola, xunto cos da ETSE de Minas e da ETSE de Telecomunicación.
A responsable da ORI, Amelia Rodríguez, salientou a implicación dos estudantes deste centro co programa “xa que é o que conta con máis prazas e o que máis estudantes manda a universidades europeas”. Nesta reunión, os asistentes coñeceron todos os ámbito implicados neste programa, dende os prazos e os trámites, ata o financiamento, os destinos ou a preparación lingüística. “Trátase dunha experiencia irrepetible que eu tiven a sorte de vivir, e este é o momento de facelo, antes de rematar a carreira e de que os compromisos laborais vos impidan embarcarvos nunha aventura deste tipo; é algo que, tendo os medios, todo o mundo debería probar unha vez na vida”, explicou a responsable da ORI.

As novidades do programa Erasmus

Amelia Rodríguez é a encargada de explicar aos estudantes universitarios as vantaxes e requisitos do programa, para o que conta coa colaboración de profesores en cada centro, que se encargan de desenvolver e facer medrar o programa Erasmus, que vén de cumprir 20 anos. Neste vindeiro curso haberá varias novidades tanto na estrutura como no financiamento, xa que “os PAS tamén poderán beneficiarse das bolsas, os profesores poderán facer prácticas en empresas europeas” e a achega económica dos diversos organismos públicos implicados medra considerablemente.
Segundo explicou, o programa Erasmus forma parte dunha iniciativa máis ampla, o Programa de Aprendizaxe Permanente, PAP, “que ata o de agora era coñecido como Sócrates”. A finalidade é fomentar a cooperación transnacional entre universidades e potenciar a mobilidade de estudantes e profesores. Deste xeito, segundo Amelia Rodríguez “non só se limita a mandar estudantes ao estranxeiro, senón que dentro deste paraugas tamén se organizan cursos específicos ou dobres titulacións”.
Coa implantación do PAP e ampliación das bolsas a profesores e persoal de administración e servizos preténdese multiplicar a repercusión do programa. “Se no 2003 se chegou ao millón de estudantes que tomaron parte no Erasmus, no 2013 agárdase que sexan tres millóns”, puntualizou Rodríguez, que engadiu que “cando se creou a ORI tiñamos tres estudantes Erasmus e, actualmente, son case 600”.

As vantaxes de ser Erasmus

Ademais de ser unha experiencia persoal enriquecedora, ser bolseiro Erasmus ten outras vantaxes de tipo académico. Entre elas, a responsable de ORI destacou que o programa “permite estudar nunha universidade europea sen ter que tramitar o acceso e a matrícula, sen solicitar a validación dos estudos cursados anteriormente e sen pagar taxas de matrícula, xa que seguides sendo alumnos da Universidade de Vigo”. Pero, segundo salientou, o máis importante é “o recoñecemento académico e que se volve con outro nivel de idiomas e as empresas valoran moito esta experiencia e a iniciativa de saír da casa”.
As solicitudes para o programa Erasmus 2008-2009 pódense presentar ata o vindeiro 26 de febreiro e as prazas ofertadas, así como as datas das sesións informativas, a contía das axudas ou os requisitos de idiomas pódense consultar na páxina web da ORI.

Cada ano, máis estudantes ISEP

Se o programa Erasmus fomenta a mobilidade dentro de Europa, o programa ISEP faino cos Estados Unidos de América. Esta semana chegaron á Vigo os 25 estudantes americanos que cursarán estudos na Universidade dentro desta iniciativa de intercambio no que resta de cuadrimestre. Na súa primeira toma de contacto, os alumnos coñeceron as instalacións do campus, os seus aloxamentos e outras informacións básicas como o transporte, a eleccións de materias e a terminoloxía básica para adaptarse ao sistema universitario español.
Ao igual que as bolsas Erasmus, o número de estudantes estadounidenses con ISEP na Universidade de Vigo medra ano tras ano. No curso 2006-2007 recibíronse 19, en 2005-2006 foron 13 e en 2003-2004, 10. Neste curso, os 25 rapaces estarán no campus vigués e residirán en pisos da cidade que lles proporciona a Universidade, xa que esta iniciativa inclúe aloxamento e manutención, tanto para os americanos cando veñen a Vigo, como para os estudantes propios que marchan á EEUU.