DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo constatou Nuno Lajoso no estudo que realizou cun corpo de voluntarios de Viana do Castelo

Un programa específico de adestramento permitiría reducir o risco dos bombeiros de sufrir lesións e doenzas cardiovasculares 

No marco da súa tese, avaliou a efectividade de exercicios baseados nas tarefas da profesión

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Saúde
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 03/10/2022

Os traballos de extinción de incendios e as tarefas de salvamento que levan a cabo en múltiples escenarios e que provocan que estean expostos a diferentes axentes físicos e químicos fan que a dos bombeiros sexa unha profesión de “alto risco”, como sinala o docente e investigador Nuno Lajoso, que buscou na súa tese de doutoramento comprobar a eficacia dun “programa de adestramento funcional” á hora de reducir o risco de sufrir lesións ou enfermidades deste colectivo. Deseñado especificamente para bombeiros e sustentado, como explica, nunha serie de “exercicios específicos da profesión”, trátase dun programa que puxo a proba cun grupo de 60 integrantes dos Equipos de Intervención Permanente (EIP) do municipio portugués de Viana do Castelo. Tras 24 semanas de adestramento, rexistráronse unha serie de melloras nas capacidades funcionais dos participantes, todos eles bombeiros voluntarios, que permiten ver este tipo de adestramento, apunta, como “un excelente medio preventivo na redución de lesións musculoesqueléticas e enfermidades cardiovasculares nesta profesión”.

Profesor asistente na Escola Superior de Desporto e Lazer de Melgaço, do Instituto Politécnico de Viana do Castelo (IPVC), Lajoso Silva desenvolveu a súa tese Impacto dun programa de treino funcional na prevenção de lesões músculo-esqueléticas em Bombeiros das Equipas de Intervenção Permanente do Distrito de Viana do Castelo – Portugal no programa de doutoramento en Educación, Deporte e Saúde da UVigo, baixo a dirección do profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte José María Cancela e o docente do IPVC Pedro Bezerra.

Un colectivo moi afectado polas lesións

A súa investigación tiña como punto de partida o feito de que os bombeiros padecen cada ano “un gran número de lesións musculoesqueléticas, traumatismos respiratorios e enfermidades cardiovasculares, resultantes da exposición a múltiples axentes físicos e químicos e, particularmente, aos altos niveis de estrés experimentados durante as súas operacións de emerxencia”, como destaca este licenciado en Deportes e Educación Física pola Universidade do Porto. De feito, alén da incidencia que teñen nesta profesión lesións como a dor lumbar, as enfermidades cardiovasculares constitúen “a principal causa de morte rexistrada entre os bombeiros en activo”, sendo responsables de preto do 50% dos falecementos. 

Investigacións previas, explica Lajoso, demostraron que “os riscos de aparición de lesións musculoesqueléticas están estreitamente relacionados cos déficits na forza muscular, na mobilidade e no control neuromuscular, xeralmente asociados coa falta de exercicio e adestramento físico regular das rutinas específicas dos bombeiros”. Non obstante, o docente e investigador portugués tamén incide na necesidade de ter en conta que, no caso de Portugal, “existen varias categorías de bombeiros”, de tal xeito que, se ben os corpos profesionais e forzas especiais “efectúan un adestramento físico diario”, non acontece o mesmo cos corpos de voluntarios, como o que centrou este estudo. Neste punto, recoñece que se ben na súa formación inicial reciben coñecementos sobre “aspectos técnicos e de seguridade, dos que forma parte a condición física”, unha vez rematada “esta descoidase en gran medida en moitas das corporacións de bombeiros, nomeadamente ao nivel dos voluntarios”, dependendo moitas veces a súa preparación física do “criterio individual do propio bombeiro”. 

Un adestramento ligado ás propias tarefas profesionais

Partindo da importancia que ten para este colectivo realizar “exercicio físico de forma sistemática e ordenada”, así como a “falta de evidencia científica respecto á identificación de programas de exercicio adecuados para bombeiros, particularmente en Portugal”, Lajoso deseñou un “programa de adestramento funcional”, que vinculaba os exercicios ás tarefas habituais deste colectivo. Consistente nun circuíto de exercicios que parten do traballo con “patróns de movemento” en lugar de con grupos musculares, trátase dun programa que pode levarse a cabo “nun ambiente de servizo”, valéndose de “accesorios que poden atoparse en calquera centro de bombeiros ou materiais reciclados”.

Adestrando cos propios equipos de intervención

Para a avaliación da súa eficacia, Lajoso contou coa participación neste estudo de 60 bombeiros, todos eles homes, do EIP do Comando de Operacións de Socorro do Distrito de Viana do Castelo. Tendo en conta que, os bombeiros realizan as súas intervencións con equipos de protección individual (EPI) e cun aparato respiratorio individual, os participantes dividíronse en tres grupos, de tal xeito que 22 bombeiros realizaron este programa de exercicio durante 24 semanas, con dúas sesións en cada unha delas, portando estes equipos, mentres que outros 21 levaron a cabo o mesmo adestramento con roupa normal e 17 mantiveron “as súas rutinas diarias”. 

Os tres grupos, explica Lajoso, “foron sometidos a unha avaliación das compoñentes de aptitude física, antes e despois de intervención”, co obxectivo de detectar posibles melloras en aspectos como a porcentaxe de masa graxa e magra, a potencia e resistencia muscular ou a potencia aeróbica. Despois de que as avaliacións previas constatasen a “prevalencia” do sobrepeso nun grupo de bombeiros cuns “niveis lixeiramente por riba do normal” no índice de masa corporal, este ciclo permitiu reducir a “porcentaxe de masa graxa” nun 3,4% no caso daqueles que adestraron cos equipamentos e nun 0,5% no que o fixo sen eles. Ambos grupos, así mesmo, incrementaron, nos dous casos nun 2,2%, a súa porcentaxe de masa magra, o que leva a Lajoso a pór de relevo que, “aínda que non son estatisticamente significativos, os resultados obtidos poden ser alentadores desde o punto de vista da saúde, xa que a obesidade é un factor de risco para a aparición de enfermidades cardiovasculares”. 

No referido ás compoñentes funcionais, os resultados do estudo mostraron melloras nos dous grupos que realizaron o programa e “resultados de estabilización ou perda de valores de aptitude física” no que mantivo as súas rutinas. Concretamente, rexistráronse melloras na capacidade aeróbica, que foron tamén maiores no grupo que adestrou cos EPI e o aparato respiratorio, ao igual que aconteceu coas “compoñentes funcionais relacionadas coa forza muscular”, tanto na parte superior do corpo como na inferior.