DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A actividade, organizada pola Área de Benestar, Saúde e Deporte, terá lugar o vindeiro martes

O programa ExploraCampus convida a correr pola illa do Covo

Esta "quedada running" mantén aberta a súa inscrición ata o domingo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Pontevedra 30/04/2021

Nun contexto de restricións no aforo das instalacións deportivas, a Área de Benestar, Saúde e Deporte impulsou o programa ExploraCampus, unha iniciativa dirixida a fomentar a práctica de actividade física ao aire libre que se puxo en marcha no mes de marzo no campus vigués e á que se sumou nas últimas semanas o de Pontevedra. Despois de organizar unha ruta cicloturista pola contorna de Bora e das marismas de Alba e outra de sendeirismo no río dos Gafos, que cubriron en ambos casos as prazas ofertadas, para o vindeiro martes programouse unha "quedada running" que terá como escenario a illa do Covo. De carácter gratuíto e aberta ao conxunto da comunidade universitaria, a actividade manterá aberta a súa inscrición ata a noite deste domingo na plataforma CampusActivo.

Segundo explica o técnico da Área de Benestar, Saúde e Deporte Gustavo Loureiro, realizarase un percorrido aproximado de 5,8 quilómetros “cunha dificultade mínima e a un ritmo suave, coa idea de que sexa apta para todos os públicos”. Debido á situación sanitaria, a actividade estará aberta a un máximo de seis participantes, mais no caso de que se cubran todas as prazas abrirase unha lista de agarda de cara a organizar unha segunda quenda da iniciativa. As e os participantes, que se reunirán ás 17.45 na entrada do Pavillón Universitario, deberán levar calzado adecuado, auga e algunha peza de froita, así como gorra e protección solar se o día é solleiro.