DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Mulleres referentes amosan ás cativas o potencial de profesións con pouca presenza feminina

O programa InspiraSTEAM consolídase na procura de vocacións científicas e tecnolóxicas entre as nenas

A 3ª edición, impulsada pola UVigo coa colaboración da Deputación, conta xa con 30 mentoras

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Igualdade
  • Institucional
M. Del Río DUVI 18/11/2020

O número de estudantes que optan por unha formación en tecnoloxía decrece cada ano, e no caso das mozas os datos agudízanse. Mentres o 54,8% do total do alumnado do sistema universitario español son mulleres, a súa presenza nas titulacións técnicas como enxeñarías e arquitectura é só do 25%, unha cifra que nalgunhas titulación incluso se reduce ao 8%. Estes datos constatan a necesidade de adoptar medidas que fomenten a presenza de mulleres nas disciplinas coñecidas como STEAM (Science, Technology, Engineering, Arts and Maths). Nesta liña, a Universidade de Vigo puxo en marcha en 2018 o programa InspiraSTEAM, do que este mércores se presentou a terceira edición na que colabora a Deputación de Pontevedra.

Trátase dun proxecto pioneiro para o fomento da vocación científico-tecnolóxica entre as nenas, baseado en accións de sensibilización e orientación sobre as disciplinas STEAM que imparten mulleres profesionais do mundo da investigación, a ciencia e a tecnoloxía nos propios centros de ensino. Deste xeito, mulleres profesionais nestes eidos titorizan grupos de nenas, e tamén nenos, de centros escolares da provincia de Pontevedra para que poidan contar con referentes femininos en ciencia e tecnoloxía e valoren estas profesións para o seu futuro. 

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, felicitou á UVigo por esta iniciativa e outras que a converten “unha referencia para todas as universidades do Estado no que ten que ver coas políticas de igualdade” e a consolidan como “unha institución con valores”, non só transmisora de contidos e coñecemento, senón “unha universidade do século XXI” cun “enorme compromiso”. 

“Non queren ser o que non ven que poden ser”

Carmela Silva considera necesario o apoio da Deputación a este proxecto, a través da sinatura dun convenio, porque “os datos de matriculación nas titulacións STEAM son terribles” cunha presenza feminina do 24,5% en enxeñarías e arquitectura; 12% en informática; 8% en telecomunicación; 11% en Física… Isto supón, como remarcaban Silva e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, que as mulleres están infrarrepresentadas naquelas carreiras que “van xerar a actividade do futuro, as que van crear empregos de mellor calidade e maior salario”. De persistir esta situación, alertaban, as mulleres serán minoría “nas actividades humanas que provocarán a innovación e o desenvolvemento” porque a nenas “non queren ser o que non ven que poden ser”.

O reitor, Manuel Reigosa, advertía que “sería unha mágoa que estivéramos a perder potencia”, en referencia á captación do talento feminino nestes eidos do coñecemento. “Aspiramos a que a metade ou un pouco máis do talento que se achega ás nosas aulas sexa talento feminino” e con este obxectivo nace a iniciativa InspiraSTEAM. Pola súa banda, a vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini, apuntaba que a preocupación pola escasa presenza de mulleres nestas titulación e común a todas as universidades españolas, xa que estas “son as carreiras do futuro” e agradeceu o apoio da Deputación “que nos permitirá chegar a máis centros e ter máis mentoras, máis alcance e proxección”. 

Seis sesións presenciais nos centros educativos

A base do proxecto son as mentoras, mulleres científicas e tecnólogas que de xeito voluntario deciden implicarse nesta iniciativa para dar a coñecer entre as e os máis pequenos a través de seis sesións de traballo en horario lectivo aspectos como os estereotipos de xénero vinculados a estas disciplinas, as súas saídas profesionais ou o papel das mulleres ao longo da historia da ciencia. O obxectivo destes encontros é axudar a disipar dúbidas e obxeccións sobre as profesións en ciencia e tecnoloxía, a clarificar as súas motivacións e a afianzar a súa autoestima para iniciar o devandito camiño profesional, se así o desexan. 

Caparrini asume que esta terceira edición nace en medio dunha grande incerteza, “pero coa ilusión de poder levala a cabo durante o curso 2020-2021”. Así, a formación que reciben as mentoras será virtual pero as sesións coas nenas será presencial, sempre en función da evolución da pandemia e a situación dos centros e mentoras en cada momento, adaptando o programa en caso de ser preciso para garantir a seguridade e a saúde de todas as persoas participantes. Ademais, avanza que dende a organización están interesados en estender a iniciativa ao campus de Ourense, no que hai tres enxeñarías.

30 mentoras para esta nova edición 

Como explicaba a vicerreitora na rolda de prensa deste mércores, para esta terceira edición xa se superou o número de mentoras dos anos anteriores e serán 30, das cales 16 repinten nesta actividade. O seu perfil está “vencellado ás STEAM ben sexa por estudos ou por carreira profesional, deben ser mulleres do mundo da investigación, a ciencia e a tecnoloxía co compromiso, ilusión e ganas de promover estas áreas entre o estudantado, especialmente entre as mozas”. Pola experiencia das dúas edicións anteriores, lembra a vicerreitora, “as mentoras que se apuntan fano principalmente porque nas súas empresas ou contorna laboral ven a gran fenda xénero que hai e queren poñer o seu gran de area para rompela”.

A outra pata deste programa son os colexios. Caparrini anima aos centros a inscribirse no programa “a pesar da situación excepcional que estamos vivindo, porque temos unha oportunidade única de dar a coñecer a ciencia e a tecnoloxía entre a xuventude, a súa relevancia, os tan diversos contextos nos que se pode utilizar e como nos axudan a facer fronte aos grandes e pequenos retos da sociedade”.

Balance das dúas primeiras edicións 

Na primeira edición do InspiraSTEAM participaron 16 mentoras, cinco centros, 122 nenas e 116 nenos. Na segunda edición as cifras practicamente duplicáronse, con 24 mentoras, 14 centros, 236 nenas e 290 nenos. Pero máis aló das cifras, Natalia Caparrini valora moi positivamente esta experiencia. “O proxecto é cada vez es máis coñecido tanto entre mulleres que queren ser mentoras como en centros escolares que nos solicitan entrar no programa. Todas as mentoras tras o seu paso polo programa coinciden non só na utilidade da iniciativa, senón tamén no enriquecedor que é, o que aprenden e gozan no seu trato coas nenas e nenos”.