DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A iniciativa é froito da colaboración entre o centro e a Asociación Ellas Vuelan Alto

O programa de mentoría Estela ofrecerá orientación profesional a alumnado da Escola de Enxeñería Aeronáutica e do Espazo

O prazo para inscribirse está aberto ata o 7 de outubro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Universidade e empresa
  • Estudantes
DUVI Ourense 07/09/2026

Co inicio deste curso académico 2026/2027, a Escola de Enxeñería Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense e a delegación en Galicia da Asociación Ellas Vuelan Alto lanzan o programa de mentoría Estela. O seu obxectivo é impulsar o desenvolvemento profesional do alumnado mediante orientación profesional e un proceso estruturado de mentoría con profesionais do sector aeronáutico e aeroespacial. 

O programa, explican as entidades promotoras, “nace co propósito de crear unha ponte sólida entre o ámbito académico e o profesional dentro do sector aeronáutico e aeroespacial”. Como nome escolleron a palabra Estela, xa que “evoca o rastro que deixa un avión en voo: un símbolo de avance, orientación e futuro”. Sobre a necesidade de pór en marcha esta iniciativa, desde a organización lembran que “o sector aeronáutico e espacial está a experimentar un crecemento significativo, requirindo perfís técnicos capaces de adaptarse a novas demandas, tecnoloxías e contornas profesionais”. Neste contexto, a Escola de Enxeñería Aeronáutica e do Espazo, sinalan, “forma ao seu alumnado para desempeñarse neste ecosistema, pero é imprescindible complementalo cunha conexión directa á realidade do mercado laboral” e “a Asociación Ellas Vuelan Alto Galicia, grazas á súa rede de profesionais do sector, representa un socio estratéxico para acompañar ao estudantado neste tránsito”. 

Os obxectivos específicos do programa son achegar o estudantado á realidade do mercado laboral do sector; facilitar orientación para a planificación da carreira profesional; transferir experiencia, coñecemento práctico e visión estratéxica; e favorecer a creación de redes de apoio profesional. A actividade tamén se propón fomentar oportunidades de prácticas e primeiras experiencias laborais ao alumnado; promover a igualdade de oportunidades e o liderado feminino en STEM e establecer mecanismos de colaboración estable entre as dúas entidades participantes. 

Mentoras cunha ampla experiencia

Concretamente, Estela ofrecerá ao alumnado “un acompañamento personalizado a través de mentoras profesionais con ampla experiencia no sector”. O programa está dirixido a alumnado do Grao en Enxeñería Aeroespacial e do Mestrado en Enxeñería Aeronáutica, con prioridade para alumnado próximo a finalizar os seus estudos durante o curso académico 2026/27. Seleccionaranse entre 3 e 5 estudantes para participar nesta primeira edición. As mentoras serán profesionais vinculadas á rede de Ellas vuelan alto, “todas elas con experiencia contrastada en áreas específicas do sector aeronáutico e aeroespacial: deseño, certificación, operacións, fabricación, mantemento, xestión de proxectos, navegación aérea, seguridade operacional, etc”. As funcións das mentoras serán acompañar ao alumnado en sesións periódicas, ofrecer orientación baseada na súa experiencia; axudar na definición de obxectivos e plans de desenvolvemento; compartir recursos, contactos e perspectivas profesionais e guiar a reflexión sobre o futuro laboral. A duración estimada do acompañamento será de 6 meses. 

Segundo sinalan desde a súa organización, Estela ofrece diferentes beneficios a cada colectivo implicado. Ao alumnado, detallan, proporcionaralle “claridade sobre o seu futuro profesional, conexión real co sector aeronáutico, mellora de competencias transversais e oportunidades de networking e prácticas”. Ás mentoras ofrécelle oportunidades de desenvolvemento de liderado, contribución ao talento novo e fortalecemento da rede profesional da Asociación Ellas Vuelan Alto. Por último, para as entidades organizadoras, suporá “o fortalecemento de vínculos institucionais, a creación dun programa de referencia en Galicia e o impulso á empregabilidade e visibilidade do talento”. 

O programa Estela, subliñan desde a súa organización, “representa unha oportunidade estratéxica para conectar formación académica, experiencia profesional e desenvolvemento privado”. A colaboración entre a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e a Asociación Ellas Vuelan Alto “permitirá crear unha comunidade de aprendizaxe e apoio que impulse o talento novo e contribúa ao crecemento do sector aeronáutico en Galicia”. A actividade, apuntan por último, bota a andar coa idea de converterse “nun referente rexional e un exemplo de colaboración efectiva entre universidade, profesionais e asociacións do sector”.