DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nesta súa sétima edición, a iniciativa quere ampliar a súa rede de participantes

O programa Meta busca novo persoal directivo e empresarial que desexe mentorizar alumnado de Ciencias Empresariais e Turismo

O obxectivo último é contribuír a mellorar a formación e empregabilidade do estudantado

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Emprender
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Ourense 04/02/2026

Cada curso académico, a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense pon en marcha o programa de mentorización Meta, iniciativa que conecta estudantado con persoal directivo, empresarial e propietario co obxectivo último de favorecer o desenvolvemento profesional e a empregabilidade do alumnado universitario. O programa arranca agora unha nova edición co obxectivo de ampliar a súa rede de mentoras e mentores, animando ao tecido empresarial e económico a coñecer este proxecto e a unirse a el.  

Ernesto López Valeiras, coordinador de Meta, explica que se pon en marcha a sétima edición deste programa, xa consolidado e avalado polos bos resultados acadados ano tras ano. “O programa Meta está dirixido ao alumnado de grao e mestrado da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense e baséase nun proceso de acompañamento individualizado no que profesionais con experiencia no ámbito empresarial comparten co alumnado coñecemento, visión estratéxica e consellos prácticos sobre a realidade do mercado de traballo, a toma de decisións e o liderado”, sinala o profesor da UVigo.

Elevada valoración 

Ao longo das seis promocións anteriores de Meta, comenta Ernesto López, “decenas de estudantes beneficiáronse dun acompañamento que lles permitiu definir mellor os seus obxectivos profesionais e afrontar con maior seguridade a súa incorporación ao mercado laboral”. Nesta nova edición, a facultade, destaca, “quere reforzar a visibilidade do proxecto e ampliar a rede de mentores, facendo un chamamento expreso a directivos e propietarios de empresas que desexen participar de maneira voluntaria”. A súa colaboración, subliña, “resulta clave para achegar ao estudantado unha visión aplicada da xestión empresarial e para fortalecer as relacións entre universidade e empresa”. 

Desde a súa creación, a iniciativa “contou cunha elevada valoración tanto por parte das persoas mentorizadas como dos mentores participantes, que destacan o enriquecemento mutuo que xorde deste intercambio de experiencias”. Así, engaden desde Meta, o contacto co ámbito universitario, a través de actividades e iniciativas que se desenvolven ao longo do curso, como o ciclo de conferencias Conversas, e o papel de mentorización que desempeñan co alumnado, supón para estes mentores e mentoras unha experiencia moi gratificante. 

As persoas interesadas en unirse a esta rede e exercer como mentoras e mentores, explican desde o programa, poden atopar máis información sobre o funcionamento de Meta na súa web e pórse en contacto coa organización. “Desde a facultade animamos ao tecido empresarial de Ourense e do conxunto de Galicia a sumarse a esta iniciativa, que contribúe de maneira directa á formación de futuros profesionais comprometidos, preparados e conectados coa realidade empresarial”, comenta Ernesto López Valeiras.

Dinámica de participación

A dinámica desta edición de Meta será a mesma de edicións anteriores. Hai un equipo de mentoras e mentores de moi diversos perfís, abranguendo directivos de grandes empresas, empresariado e emprendedores, sobre todo de Ourense pero tamén de fóra da provincia. Polo que respecta ao alumnado, participa en cada edición un pequeno grupo de estudantes seleccionados nunha convocatoria aberta polo centro e na que se valora fundamentalmente a súa motivación. En función do seu perfil e das súas inquedanzas e intereses, a cada un destes estudantes se lle adxudica un mentor ou mentora afín por un período de dous anos. O programa consiste en que durante os dous últimos cursos da carreira, o estudantado que forma parte del participa nunha serie de actividades en grupo, como conferencias ou presentacións, e actividades individuais cun mentor ou mentora nas que reciben consellos e axuda. Sobre os beneficios que ten para as e os estudantes formar parte desta actividade, desde a organización da iniciativa sinalan que o alumnado ten nesta iniciativa a oportunidade de ter contacto coa realidade da empresa, poder coñecer de primeira man a unha persoa con responsabilidades de xestión e aprender dela. Ademais, o feito de estar en contacto cos demais mentores e mentoras do programa, engaden, posibilita ao estudante ter unha rede contactos no mundo empresarial interesante de cara ao seu futuro laboral.