DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A iniciativa une a estudantes con profesionais que fan o papel de mentores

O programa Meta volverá este curso para facilitar o tránsito da vida académica á profesional do alumnado

Desenvólvese na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Académica
DUVI Ourense 03/10/2022

Por cuarto ano consecutivo, a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense volve este curso académico a pór en marcha Meta. Mentores de Empresariais e Turismo de Ourense. Trátase dun programa de mentorización, de aprendizaxe persoal, no que un mentor ou mentora (profesional) comparte o seu tempo e coñecementos para que un mentorizado (estudante) descubra novas perspectivas que lle axuden a progresar cara as súas metas futuras e lle facilite a súa  incorporación á vida profesional.

Segundo explica o profesor do centro e coordinador da iniciativa Ernesto López-Valeiras, “empezamos xa co que é a cuarta promoción de alumnado que está durante os dous últimos anos de carreira no programa. Esta semana reunímonos o grupo de mentores, para ver a dispoñibilidade de cada un e as novas incorporacións posibles, e logo lanzaremos a convocatoria entre o alumnado de terceiro”. O proxecto, subliña o docente, destaca por “ter un impacto moi positivo nos participantes”. Así, explica que despois de tres edicións celebradas “a valoración que facemos é moi positiva, tanto por parte dos mentorizados, que sempre fan unhas valoracións incribles, como dos mentores”. Trátase, sinala, “dun proxecto moi ilusionante para todos os implicados e ese é o motivo de seguir adiante con el”.

A iniciativa, indica Ernesto López-Valeiras, naceu o curso académico 2019/2020 froito da inquedanza dun grupo informal de profesionais da contorna, e do que el mesmo formaba parte, “disposto a contribuír a unha mellora da sociedade” achegando a súa experiencia. O equipo de mentores, sinala, é moi diversos en perfís, abranguendo directivos de grandes empresas, empresariado e emprendedores, sobre todo de Ourense pero tamén de fóra da provincia. Polo que respecta ao alumnado, participa en cada edición un pequeno grupo de estudantes seleccionados nunha convocatoria aberta polo centro e na se valora fundamentalmente a súa motivación. En función do seu perfil e das súas inquedanzas e intereses, a cada un destes estudantes se lle adxudica un mentor ou mentora afín por un período de dous anos.

Mentorización e actividades

O programa consiste en que durante os dous últimos cursos da carreira, as e os estudantes que forman parte do programa participan nunha serie de actividades en grupo, como xornadas ou presentacións, e actividades individuais cun mentor ou mentora nas que reciben consellos e axuda ou poden resolver dúbidas. As e os mentores, indican desde a organización de Meta, destacan pola súa experiencia profesional pero tamén polo seu trato persoal e o alumnado pode recorrer a el para, por exemplo, recibir consello respecto a como enfocar o paso da vida académica á profesional. “Alumno e mentor teñen reunións periódicas en función das necesidades de cada caso e van preparando esa transición dos estudos á vida profesional, reducindo a súa incerteza", detallan. Alén do traballo de mentorización individual, o programa inclúe actividades grupais, como o ciclo de conferencias Conversas, que convida a persoas do ámbito académico a compartir escenario con profesionais, directivos, empresarios, emprendedores e outros axentes sociais para abordar con carácter divulgativo temas de interese xeral relacionados co mundo da empresa e a súa relación coa sociedade. Como novidade, o pasado curso académico púxose en marcha a iniciativa Ti decides, na que o alumnado recreou unha organización na que se traballaba por proxectos, cun estudante no rol de xerente e cada alumnos e alumna desenvolvendo diferente tipo de iniciativas, desde un podcast ata un servizo de información cultural local, supervisados por un dos mentores, Alberto Pavón.  

Sobre os beneficios que ten para as e os estudantes formar parte desta actividade, os seus responsables sinalan que o alumnado ten nesta iniciativa a oportunidade de ter contacto coa realidade da empresa, poder coñecer de primeira man a unha persoa con responsabilidades de xestión e aprender dela. Ademais, o feito de estar en contacto cos demais mentores e mentoras do programa, engaden, dálle a oportunidade ao estudante de ter unha rede contactos no mundo empresarial interesante de cara ao seu futuro laboral. Polo que respecta aos mentores e mentoras, desde a organización subliñan como para eles e elas, que participan de xeito voluntario e altruísta na iniciativa, formar parte desta actividade “é un exercicio de responsabilidade coa sociedade", apuntando como en moitos casos son persoas que tiveron unha boa experiencia con mentores ou persoas que nos seus inicios lles axudaron ou asesoraron e entón eles tamén queren contribuír cedendo tempo e coñecementos para apoiar a estudantes.

Entre as actividades das e dos mentores están animar ao alumnado a presentarse a convocatorias e iniciativas. Nesta liña, o estudante Iván González, mentorizado que rematou a súa carreira o curso pasado, conseguiu o terceiro accésit no Premio AECA para Entrevistas a Empresarios e Directivos 2022, cunha entrevista a Javier Serrano, CEO da startup Mentiness, titulada Mentiness: el lazo que une la salud mental y la empresa. A AECA é a Asociación Española de Contabilidade e Administración de Empresas, a institución profesional española emisora de principios e normas de contabilidade xeralmente aceptados e de pronunciamentos e estudos sobre boas prácticas en xestión empresarial.