DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus de Ourense acolleu este xoves a súa primeira acción

Un programa potencia a transferencia no ámbito das Ciencias Sociais e Humanidades

O obxectivo é dinamizar os resultados dos grupos de investigación

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Transferencia
DUVI Ourense 07/07/2022

Este xoves arrancou no campus de Ourense o Programa de dinamización de resultados de investigación en Ciencias Sociais e Humanidades, organizado pola Oficina de I+D da Universidade de Vigo para potenciar a transferencia dos grupos de investigación destes ámbitos. A iniciativa, explican desde a súa organización, “busca apoiar e acompañar ao noso persoal investigador das áreas sociais e humanísticas no proceso de definición e valorización das súas capacidades e resultados de investigación para achegalos ao mercado”.

O programa ten como obxectivos achegar os grupos de investigación das áreas sociais e humanísticas á función de transferencia; afondar nas vías de explotación dos resultados e capacidades nestas áreas; identificar resultados de investigación con potencial de transferencia e dotar os grupos de ferramentas comerciais, que faciliten a explotación dos seus resultados e capacidades. A través de dúas xornadas presenciais e un acompañamento personalizado, detallan, os grupos de investigación participantes “poderán coñecer os itinerarios de transferencia orientados ás súas áreas e as ferramentas de apoio á explotación do coñecemento, para finalmente deseñar unha oferta comercial de I+D+i do seu grupo”.

A importancia da terceira misión das universidades

A primeira destas xornadas presenciais celebrouse este xoves no campus de Ourense cunha sesión titulada A transferencia das Ciencias Sociais e Humanas. Fundamentos prácticos e experiencias. A cita foi inaugurada por Belén Rubio, vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación da UVigo, que destacou que “o obxectivo destas xornadas é axudar a fomentar, a potenciar a transferencia nestes ámbitos de coñecemento”. A responsable académica lembrou que a transferencia é, xunto á docencia e a investigación, a terceira misión das universidades e sinalou que as entidades financiadoras tanto estatais como europeas de investigación “estannos demandando que transfiramos o coñecemento á sociedade e que sexamos cada vez máis multidisciplinares”. Na súa intervención, Belén Rubio subliñou a importancia de facer transferencia non só polos sexenios que se poden obter senón tamén porque “na Universidade facemos moitas cousas que a sociedade e as empresas non saben”. Neste senso, apuntou que “parece que a transferencia no ámbito científico e tecnolóxico está moi clara, porque obtés unha tecnoloxía, un produto, etc” porén, dixo, “no ámbito das Ciencia Sociais e Humanidades, parece que o produto non é tan tanxible pero si hai moitas cousas que se poden transferir a empresas e institucións”.

A sesión continuou cunha presentación de Ángeles López, directora técnica da Oficina de I+D da Universidade de Vigo, que falou do apoio desta oficina nos procesos de transferencia e presentou o programa que arrancou este xoves. Na súa intervención, destacou que “necesitamos abrir o abanico da transferencia e enfocarnos tamén cara outras contornas onde non é tan habitual facer transferencia; necesitamos explorar o potencial de transferencia de grupos de investigación doutros ámbitos que non sexan o científico e o tecnolóxico”. Os beneficios da transferencia, indicou Ángeles López, son múltiples e abranguen desde “a satisfacción de ver que os nosos resultados e coñecementos se utilizan” ata beneficios a nivel persoal no curriculum, beneficios económicos e visibilidade. Igualmente, subliñou que a transferencia “non ten un carácter unidireccional” pois, dixo, “en realidade do que se trata é de establecer un intercambio de coñecemento que enriqueza a todos", tanto grupos de investigación como entidades e sociedade. Na súa intervención, a directora da Oficina de I+D apuntou que o programa posto en marcha agora propón “un itinerario” para abordar esta transferencia.

Nesta primeira sesión, tamén houbo intervencións a cargo de Nuria Fernández e Eloy López, da consultora Un-Em, sobre como valorizar un coñecemento e cal é a forma de transferencia máis axeitada para os resultados e capacidades dun grupo e sobre como enfocarse ao mercado, achegándose ao que é unha oferta comercial e unha carteira de servizos de I+D. Para rematar, celebrouse unha exposición de experiencias de transferencia en Ciencias Sociais e Humanidades na Universidade de Vigo a cargo de investigadoras e investigadores do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio; de Videoxogos, Narrativa, Persuasión e Creatividade; da Área de Dereito Romano; de Organización do Coñecemento e do Galician Observatory for Media Accessibility.

Máis programación

A actividade deste itinerario continuará do 8 ao 19 de xullo cun programa de titorización en liña que consistirá no acompañamento personalizado aos grupos participantes por parte de persoal experto, abordando o proceso de creación dunha oferta comercial e o desenvolvemento dunha carteira de servizos ou produtos atractivos para a súa transferencia. Este traballo de valorización articularase a través de reunións e sesións a distancia entre mentoras e mentores e o grupo de investigación. Ao final deste proceso, cada grupo poderá contar cunha oferta de capacidades ou resultados e unha presentación comercial. Por último, o mércores 20 de xullo, a Casa das Campás do campus de Pontevedra acollerá unha xornada de presentación destas ofertas comerciais froito do traballo desenvolvido e de abordaxe de vías de comercialización e explotación dos resultados de investigación no eido das Ciencias Sociais e Humanidades.