DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Post-Growth Innovation Lab impulsa un podcast mensual sobre estas cuestións

Un programa de radio para imaxinar unha sociedade alén do crecemento económico

Con edicións tanto en castelán como en inglés

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI Pontevedra 21/10/2022

Afondar en como unha sociedade sería capaz de prosperar sen precisar dun crecemento económico continúo é un dos propósitos centrais do proxecto Prospera (Prospering without growth: Science, Technology and Innovation in a post-growth era), polo que o investigador Mario Pansera foi seleccionado no programa Starting Grant do Consello Europeo de Investigación (ERC). A posta en marcha deste proxecto fixo posible a creación en Pontevedra do Post-Growth Innovation Lab, un grupo de investigación que ten o seu eixo de traballo na idea do poscrecemento, na necesidade de avanzar cara unha sociedade que non estea sustentada nun crecemento continuo, dadas as súas implicacións sociais e ambientais. Co propósito de dar visibilidade aos propios debates que se xeran no interior do grupo e divulgar os resultados das súas investigacións dun xeito diferente, o Post-Growth Innovation Lab impulsou El Taller del Postcrecimiento, un podcast mensual presentado como “unha conversa libre entre investigadores de diversas áreas de coñecemento” en torno a algunha temática relacionada co poscrecemento.

Conducido polo investigador David Soto, o primeiro programa tivo como punto de partida a propia definición do poscrecemento e as súas implicacións e contou coa participación de Pansera, director do grupo, e dos investigadores Brais Suárez, Javier Lloveras e Sofía Greaves. Desde hai uns días, atópase dispoñible en plataformas como Spotify, Ivoox, Anchor, ou Apple Podcast, así como en Youtube, e verase continuado pola publicación nos próximos días de The Postgrowth Workshop, a edición en inglés desta iniciativa, un programa “independente, que contará con outros invitados” e co que grupo busca ampliar este labor de divulgación.

Un lugar de encontro e “conversa libre”

“Normalmente, escribimos artigos científicos, libros ou informes que son demasiado técnicos ou densos e que dificilmente chegan ao gran público”, recoñece Soto Oñate, que explica que unha das razóns que levaron á creación deste espazo foi a de dar luz ás propias conversas que xeran no seo do grupo, “con puntos de vista que non soen estar presentes na axenda informativa”. Nese senso, un dos propósitos deste Taller del Postcrecimiento é facer chegar “dunha forma máis agradable”, tanto os resultados das investigacións como as súas propias “preocupacións”, a través dun programa que entenden como un espazo para a “posta en común de ideas”, así como un “lugar onde atoparnos coa sociedade civil”.

Nun comezo, este podcast ponse en marcha como un programa mensual e como “un espazo de expresión para o noso grupo”, de tal xeito que unha vez se propón un tema, ábrese aos e ás súas integrantes a posibilidade de participar. Non obstante, “iremos adaptando o formato ás necesidades do contido”, recoñece Soto, que apunta a posibilidade de convidar tamén “a investigadores que nos visiten ou mesmo invitar a expertos concretos cando o vexamos convinte”.

Da conversa con Garzón ao poscrecemento na ciencia ficción

Tras este primeiro programa, o segundo episodio recollerá o coloquio co economista e ministro de Consumo, Alberto Garzón, que o Post-Growth Innovation Lab promoveu no Museo de Pontevedra o 26 de setembro e no que, ademais de Pansera e Soto, interviñeron o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e a directora científica do centro de investigación interuniversitario Ecobas, María Loureiro. O terceiro episodio “será unha análise daquela conversa”, adianta Soto, que exercerá inicialmente como condutor do podcast. A partir de aí, recoñece, “xa temos moitas ideas para os próximos programas”, entre as que se atopan propostas como “o poscrecemento na ciencia ficción”, como sería a vida cotiá nunha sociedade non baseada no crecemento económico, o “rol central dos coidados” nesta, o dereito a reparar ou a “tecnoloxía convivencial”.