DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dada a boa acollida da que gozou na súa 1ª edición

O programa de relaxación nas termas "RelaXoves" volverá en setembro

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 23/06/2008

Baixo o sol da tarde, ataviados con traxe de baño e chancletas, os alumnos do campus prepararon os seus exames somerxidos nas cálidas augas termais de Ourense. O obxectivo non foi outro que optimizar o resultado das horas de estudo combatendo a ansiedade e o estrés aproveitando os recursos naturais que a propia cidade ofrece, grazas a unha orixinal iniciativa da Vicerreitoría do campus. RelaXoves, que así se chama o programa, naceu da man do Gabinete Psixopedagóxico, en colaboración coa Concellería de Igualdade, Xuventude e Voluntariado e Termalismo. A boa acollida da iniciativa fai que volte en setembro, se ben non está decidido se será unha actividade exclusiva das datas de exame ou algo estable ao longo do curso.
“O bloqueo mental que se produce en momentos de ansiedade impide que os mozos sexan quen de expresar todo o que saben nunha proba” explicou a técnica do gabinete e impulsora do programa, Angélica Ferro. A perda de concentración, a respiración acelerada e a somatización do estrés en forma de dores estomacais, de cabeza e incluso musculares, son os síntomas máis frecuentes dun problema que afecta á maioría da poboación durante os exames. “Todo o mundo sofre unha gran presión por demostrar os seus coñecementos nunha única proba, da que ademais depende o seu futuro pero hai que aprender a enfrontarse a iso” comentou Ferro. Para conseguilo, o programa ensinou técnicas de relaxación abordando diferentes aspectos para que cada estudante poida empregalas cando as necesite ao longo da súa vida. Por unha banda, o control da respiración, “un dos factores que máis inflúen na relaxación”, o control postural “que repercute na saúde dos alumnos que pasan moitas horas sentados estudando”, e as técnicas de relaxación corporal, “que inclúen técnicas de control mental e de masaxe” explicou a psicopedagoga.

O papel das termas

O curso de relaxación xa se viña realizando no Gabinete Psicopedagóxico do campus de Vigo dun xeito teórico con notable éxito. Cando, fai uns meses, se creou o seu homónimo no de Ourense, a súa responsable tivo total liberdade para configurar o programa como considerara oportuno. “Pensei que o sitio óptimo era fóra das aulas, que é o contexto no que se produce o estrés, ademais de que a Universidade non debe circunscribirse só ao seu campus” explicou Ferro. Xa que a cidade conta con numerosas termas ás que a xente acude a relaxarse, “decidimos aproveitalas para desenvolver nelas os bloques temáticos do curso, para o que nos puxemos en contacto co Concello de Ourense e, concretamente, coa concelleira de Termalismo, Marta Arribas” engadiu. A súa resposta foi inmediata e fixéronse cargo do desprazamento do estudantado no tren turístico de xeito gratuíto, así como da toalla que todos os participantes no programa reciben como agasallo.
O RelaXoves xa concluíu a súa primeira andaina pero volverá o vindeiro curso, ben como unha actividade propia dos períodos de exame, ben coma algo estable ao longo do curso, sempre que as condicións climatolóxicas o permitan. “Dependerá da demanda por parte do alumnado e do que se decida dende a Vicerreitoría” concluíu Angélica Ferro.