DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Promovido pola Universidade e AJE-Pontevedra, no marco da rede Eusumo

O programa 'In-Teams' busca impulsar novos proxectos empresariais a partir do traballo interdisciplinar 

Traballan en ideas de negocio centradas na accesibilidade, a sustentabilidade ou a saúde

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Emprender
  • Universidade e empresa
  • Transferencia
DUVI Pontevedra 30/09/2022

Converter contedores en espazos de aloxamento accesibles, xerar produtos téxtiles con teas desbotadas, desenvolver un programa de exercicio que contribúa a atenuar os síntomas do Párkinson, impulsar un negocio de venda de conxelados a domicilio no rural e xerar unha ferramenta que permita incorporar criterios de sostibilidade na planificación dunha carreira. Estas son as cinco ideas de negocio que as e os participantes no programa In-Teams buscarán converter nun proxecto empresarial nesta iniciativa promovida pola Universidade de Vigo e AJE-Pontevedra no marco da rede Eusumo, impulsada pola Consellería de Promoción de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia e que conta co financiamento do Minsterio de Traballo e Economía Social.

Este programa ten como obxectivo favorecer a creación de proxectos empresariais que tivesen como punto de partida resultados de investigacións desenvolvidas no Campus Crea ou as propias ideas de negocio das persoas participantes. Seis mulleres e tres homes, con “formacións moi variadas”, que abranguen desde o dereito e a bioloxía ata a fisioterapia, segundo destacan desde a organización, participan finalmente nunha actividade que iniciaba hai uns días as súas sesións formativas, que se desenvolven de xeito virtual, e que se completará coa entrega de premios aos dous mellores proxectos.

Ideas premiadas previamente

Nesta formación búscase que as e os participantes desenvolvan o plan de negocio das propostas coas que decidiron traballar na primeira das reunións. Todas elas, como explica o coordinador da rede Eusumo na UVigo, José María Cancela, foron propostas premiadas nas dúas edicións do concurso Crea economía social, que a Vicerreitoría do campus e AJE-Pontevedra impulsaron tamén ao abeiro da Rede Eusumo. Así, entre os proxectos a desenvolver atópanse propostas como Horreum-albergue, que propón acondicionar contedores como “hórreos destinados a albergues”, que sirvan como aloxamento accesible para persoas de mobilidade reducida, segundo apunta a organización. As e os participantes traballan tamén nunha idea de negocio que parte da recollida das teas que se desbotan nas fábricas “para facer produtos de segunda vida”, mentres que outra das propostas é a venda de produtos conxelados a domicilio, especialmente en zonas rurais.

Dun programa que busca promover o traballo interdisciplinar e no que participan investigadores do campus forman parte tamén propostas como Entrena el cerebro pedaleado. Tomando como punto de partida as investigacións do grupo HealthyFit sobre as posibilidades á hora de atenuar determinada sintomatoloxía nos pacientes de Párkinson que ten o exercicio forzado, aquel no que o equipamento asiste nos movementos, este proxecto céntrase en desenvolver unha “técnica de ciclismo en alta velocidade en bicicletas estáticas” para este tipo de pacientes ou persoas afectadas por outras enfermidades neurodexenerativas. Por último, entre as ideas de negocio a desenvolver figura así mesmo SATOR, “un cuestionario online cuxo obxectivo é converterse na ferramenta de referencia para aqueles organizadores de carreiras en ruta e trail running que desexen avaliar o seu desempeño en materia de sostibilidade, así como detectar áreas de mellora”, sinalan desde a organización. 

Da formación aos premios

Tras unha primeira xuntanza, na que as e os participantes presentaron as súas ideas de negocio e seleccionaron as que ían abordar en equipos de traballo interdisciplinares, In-Teams desenvolve nestas semanas a súa fase de formación, complementada por “catro puntos mentor”, no que as e os participantes contan co asesoramento de persoas expertas no desenvolvemento de plans de negocio. Finalmente, o 20 de outubro está previsto o acto de defensa deses plans de empresa, que as e os participantes terán que presentar diante dun xurado integrado por representantes da Universidade e AJE-Pontevedra. Este xurado encargarase de ditaminar que equipos serán merecedores dun primeiro premio de 750 euros e dun segundo de 500, para os que avaliará a capacidade de escalabilidade e viabilidade do proxecto empresarial, así como a probabilidade de constitución da empresa, o carácter innovador, o potencial para xerar emprego e o grao de madurez do proxecto.