DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desde 2003 participaron máis de 7500 estudantes de primaria, secundaria e bacharelato

O programa 'Universidade é Natureza' acada este curso o medio millar de participantes

A OMA organiza estas visitas didácticas para impulsar a concienciación medioambiental

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Rut San Millán DUVI 02/06/2017

O programa de concienciación medioambiental Universidade é Natureza, organizado pola Oficina de Medio Ambiente da Universidade de Vigo (OMA), acolleu este curso a medio millar de participantes pertencentes a doce centros educativos de primaria, secundaria e bacharelato de Vigo e a súa contorna. O alumnado, acompañado dos seus docentes, puido gozar en cada unha das visitas de dúas rutas para coñecer o ecosistema do campus de Vigo e entrar en contacto directo coa natureza a través da fauna e flora propia do hábitat. Esta iniciativa inaugurouse no 2003 e, desde entón, levan participado máis de 7500 estudantes.

Entre os asistentes ao programa atópase alumnado procedente de todos os niveis educativos. “Este ano viñeron nove cursos de secundaria, cinco cursos de primaria, un de bacharelato, un de infantil e un de educación especial”, enumera Cristina Míguez, bióloga en formación da OMA e monitora das actividades.

A finalidade do programa e de cada unha das visitas en particular, segundo a monitora, “é que os rapaces e rapazas valoren o medio ambiente e aprendan a gozar del” a través dos percorridos polo campus e a interacción coa natureza. Cristina Míguez destaca tamén a actitude receptiva dos nenos e nenas asistentes que abandonan o seu medio de estudo habitual, polo que, “a medida que avanza a saída, o seu interese vai en aumento”.

Concienciación medioambiental

Nun momento no que a contaminación está poñendo en perigo a supervivencia na Terra, resultan “esenciais” este tipo de cursos porque, segundo Cristina Míguez, os asistentes “terminan a saída máis concienciados, cunha nova perspectiva de que estamos moi conectados co medio e que somos peza clave para destruílo e tamén para protexelo”. Desde a OMA apoian tamén o impulso de programas deste estilo porque, segundo indican, resultan moi positivos para inculcar unha sensibilidade medioambiental nos adolescentes, xa que “os rapaces e rapazas reciben a información de maneira dinámica e distendida mentres son estimulados a través dos sentidos na propia contorna”.

Apoio do concello

O prolongado éxito de Universidade é Natureza débese, segundo indican desde a OMA, a que “para a maioría dos colexios que veñen resulta algo diferente ás visitas que están acostumados a facer. É sorprendente ver como para moitas das rapaces e dos rapaces foi a primeira vez que tiveron contacto con algúns animais coma ras, ovellas ou mesmo cabalos”. As rutas pretenden, ademais de proporcionar coñecemento da fauna e flora do lugar, dotar á xuventude dunha conciencia e dunha sensibilidade medioambientais “nun momento no que estase a cambalear o ecosistema terrestre”, insiste Míguez.

O aumento na participación foi notable despois de que o Concello de Vigo incluíse, no ano 2005, esta actividade no Programa Educativo Municipal Vigo por Dentro. Desde entón, o concello pon a disposición dos centros a posibilidade de realizar visitas con contidos didácticos a diferentes lugares de interese da área metropolitana. “Isto supón un grande impulso para Universidade é Natureza porque, agora, a difusión nos medios é maior e o transporte ata o campus é gratuíto para calquera centro interesado en inscribirse”, recalcan desde a OMA.