DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A preinscrición está aberta entre o 1 e o 15 de xullo

O Programa Universitario de Maiores busca novos estudantes sénior que queiran continuar coa súa aprendizaxe vital

Tras superar este ano o seu récord histórico con 632 persoas matriculadas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 02/07/2026

Este curso que remata foi histórico para o Programa de Maiores da Universidade Vigo cunha matrícula récord de 632 persoas, superando mesmo as cifras previas á pandemia, momento no que se rexistrou unha baixa substancial das inscricións. Agora, nun contexto de interese crecente pola formación ao longo da vida, o programa abre unha nova convocatoria de matrícula para todas as persoas de 55 anos ou máis ás que se lles ofrece un programa que comprende dous ciclos, o intensivo e o integrado.

O primeiro deles, co que se obtén a titulación de Titulación Universitaria en Cultura e Sociedade, está deseñado para mellorar a calidade de vida das persoas maiores, ofrecéndolles un espazo axeitado para o intercambio de coñecementos e experiencias de tipo científico e cultural e favorecendo un estilo de vida activo e saudable. O ciclo integrado permite continuar a formación dentro do Programa de Maiores pero compartindo aula co alumnado das titulacións oficiais a UVigo.

Como explica a coordinadora do Programa de Maiores, Carmen Abreu, “as prazas dispoñibles para o inicio de estudos no Ciclo Intensivo – Titulación Universitaria en Cultura e Sociedade son 60 no campus de Vigo, mentres que en Ourense e Pontevedra son 50”. Por outra banda, no Ciclo Integrado – Titulación Universitaria Superior Sénior, “non hai un número total de prazas, xa que estas dependen da materia e oscilan entre 5 e 15”.

Neste curso 2025/2026, no que se rexistrou o máximo histórico de matriculacións, as mulleres continuaron sendo maioría, o 65% do total de 632 persoas inscritas. A idade media do alumnado foi de 69 anos. Ademais da formación nas aulas, o alumnado participou nunha ampla oferta de actividades complementarias, entre elas o programa Embaixadores e Embaixadoras da Ciencia e do Coñecemento, no marco do cal 22 estudantes do PUM da man de persoal investigador da UVigo, achegaron a ciencia e o coñecemento á cidadanía a través de charlas en cafeterías. O curso rematou co acto de graduación que tivo lugar o 16 de xuño na Facultade de Filoloxía e Tradución e no que recibiron os seus diplomas 72 novos titulados e tituladas.

Ciclo intensivo

O ciclo intensivo está dirixido a todas as persoas maiores de 55 anos que teñan o tempo suficiente para o estudo e a integración nas diversas actividades con desexos de achegar a súa experiencia, así como de participar na vida académica, sen necesidade de titulación previa.

Conta cunha carga académica de 60 créditos ECTS, distribuídos en materias de tres créditos ECTS e de 1,5 créditos ECTS. O estudantado poderá cursar un máximo de 15 créditos por curso académico, distribuídos en dous cuadrimestres. 

As materias están encamiñadas á divulgación de diferentes temas científico-culturais, facilitando a análise e a reflexión sobre aspectos relacionados con eles mesmos e outras persoas; a contorna natural, social, cultural e científica; a evolución e as achegas da humanidade; a sociedade e a cultura actual e futura. Tamén terán como obxectivo, no seu conxunto, iniciar posibles orientacións temáticas con vistas á continuación de estudos no Ciclo Integrado.

Ciclo Integrado

O Ciclo Integrado permite cursar aquelas materias ou disciplinas pertencentes ás diferentes titulacións oficiais da Universidade de Vigo nas que se oferten prazas específicas para o Programa Universitario de Maiores. Estes estudos levaranse a cabo xunto co estudantado matriculado nas correspondentes titulacións oficiais de grao da Universidade de Vigo, nas mesmas aulas e horarios, e en igualdade de circunstancias agás a obrigatoriedade de participar nos procesos de avaliación establecidos para o estudantado dos estudos oficiais de grao.

Poderá acceder a este ciclo o alumnado que superase os estudos correspondentes ao Ciclo Intensivo ou programas universitarios equivalentes, así como as persoas maiores de 50 anos que acrediten estar en posesión dun título oficial universitario. O ciclo consta de 36 créditos e o alumnado poderase matricular nun máximo de 15 créditos ECTS cada curso académico.

As materias ofertadas clasifícanse en catro ámbitos de coñecemento en función da titulación de orixe: humanidades, ciencias, enxeñaría ou ciencias sociais e xurídicas. Para a matrícula, o alumnado deberá elixir entre todas as materias de grao que se lle oferten no campus elixido, e que se desenvolverán ao longo dos dous cuadrimestres en cada un dos campus. Unha vez superados 36 créditos ECTS dos que se compón o ciclo integrado, outorgaráselle un título propio de Universitario ou universitaria superior sénior.