DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través dun posto propio na feira e diversas conferencias

O Programa Universitario de Maiores leva a Galisenior a súa oferta para un envellecemento activo

Alberto Vaquero explicou as diferentes opcións formativas e o proxecto europeo Kipam

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
DUVI 10/05/2018

Expourense acolle este mércores e xoves a celebración da novena edición de Galisenior. Este Salón Internacional das Persoas Maiores está considerado un referente no noroeste peninsular no seu eido de actuación e punto de encontro de atención ás persoas maiores, agardándose a asistencia de arredor de 5000 visitantes. Entre o medio centenar de expositores e actividades incluídos na programación, o Programa Universitario de Maiores da Universidade de Vigo ten o seu propio espazo, contando cun posto de información na feira e desenvolvendo varias conferencias.

En Galisenior a chamada terceira idade, indícase desde a organización da cita, convértese no foco de atención dos distintos axentes sociais, públicos e privados, involucrados na atención ás persoas maiores, como son as distintas administracións, diferentes empresas do sector, colexios profesionais, numerosas asociacións e federacións e a propia Universidade de Vigo. Todos eles conflúen nesta cita para promover un envellecemento activo, saudable e autónomo e para presentar as ferramentas necesarias para intentar previr a dependencia. O envellecemento activo, salientou Alberto Vaquero, director do Programa Universitario de Maiores en Ourense, “é unha cuestión de indubidable transcendencia en Galicia, e especialmente, na nosa provincia, onde unha de cada castro persoas ten 65 ou máis anos”. Por este motivo, recalcou a importancia de iniciativas como Galisenior e a participación nela da oferta formativa que ten a Universidade de Vigo para este colectivo.

No posto ubicado na feira, as e os visitantes de Galisenior poden atopar cumprida información sobre as características do Programa Universitario de Maiores, desde os criterios de admisión ata os prazos de matrícula, pero sobre todo poden falar con alumnas e alumnos que están na actualidade matriculados nestes estudos da Universidade de Vigo. Elas e eles explican ás persoas interesadas as súas motivacións para apuntarse neste programa e a súa experiencia nel e resolven dúbidas que poida ter o público. Ademais, o stand tamén conta coa atención por parte de membros da Área de Servizos á Comunidade e do propio Programa Universitario de Maiores en Ourense.

Xornadas técnicas

Complementando a actividade deste posto, este xoves Galisenior acolleu dúas intervencións técnicas relacionadas coa actividade da Universidade de Vigo no eido do envellecemento activo. Por unha banda, Alberto Vaquero e alumnado do Programa Universitario de Maiores ofreceron  unha charla na que explicaron as características desta formación, que este curso conta con 147 estudantes en Ourense, 92 no Ciclo Intensivo, onde o alumnado cursa materias específicas, e 55 no Ciclo Integrado, onde cursan materias de diferentes carreiras do campus. Sobre o Ciclo Intensivo, Alberto Vaquero salientou como o alumnado pode escoller entre un amplo número de materias, 36 en Ourense, e como ao cursar 54 créditos se consegue o título propio de graduado universitario sénior. O seguinte paso, sinalou, é o Ciclo Integrado, que precisamente persegue integrar aos estudantes séniors co alumnado habitual das aulas universitarias. As persoas matriculadas nesta segunda etapa, sinalou, poden elixir entre máis de 60 materias dos diferentes graos que se imparten no campus de Ourense, e se superan 24 créditos ECTS acadan o título propio de graduado universitario superior.

A segunda das conferencias ofrecida por Alberto Vaquero estivo centrada no proxecto Erasmus+ Kipam Knowledge is Power, age ain´t matter!!, do que a Universidade de Vigo é entidade socia. Neste proxecto catro universidades europeas traballan co obxectivo de deseñar un marco común de actuación en materia formativa para as persoas maiores. Deste xeito, as persoas asistentes a Galisenior puideron coñecer as diferentes liñas de actuación que ten esta iniciativa para facer que as persoas maiores de 50 anos sexan máis activas utilizando o potencial das institucións de educación superior europeas.