DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na graduación que este venres reunirá estudantes dos tres campus en CCSS e da Comunicación

O Programa Universitario de Maiores rende homenaxe a catro promocións marcadas pola pandemia

44 titulados e tituladas dos ciclos integrado e intensivo festexarán o remate dos seus estudos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 11/11/2021

Meses despois de ter completado os seus estudos e despois de ver como a covid-19 lles obrigaba en 2020 durante uns meses a seguir a súa formación de xeito virtual, 44 novos tituladas e tituladas dos dous ciclos do Programa Universitario de Maiores (PUM) celebran este venres a fin dos seus estudos. A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación exerce como escenario dun acto de graduación que reúne estudantes que cursaron este programa, inserido nas iniciativas da Escola Aberta de Formación Permanente (EAFP), nos tres campus da UVigo. Concretamente, despois de que a pandemia impedise levar a cabo este acto o pasado ano, esta graduación reúne por unha banda á XVI e XVII promoción de titulados e tituladas universitarios sénior, aqueles que completaron o Ciclo Intensivo do PUM, unha formación deseñada especificamente para este colectivo, e, por outra, á XIV e XV promoción de titulados superiores sénior, aqueles e aquelas que realizaron o Ciclo Integrado, no que comparten materias co alumnado de diferentes graos.

En total, como explica o coordinador do PUM, José Luis González Cespón, 31 titulados e tituladas do ciclo intensivo e outros 13 do integrado recibirán os seus diplomas e as verbas de recoñecemento das autoridades académicas, nun acto programado para ás 18.00 horas. A graduación contará coas intervencións do reitor, Manuel Reigosa; o vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado, Manuel Ramos; o vicerreitor do campus de Pontevedra; Jorge Soto; a vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini; a directora da EAFP, María José Moure, e o director xeral do Maiores da Xunta de Galicia, Fernando Gómez Abeijón. Estas catro promocións terán como padriño ao profesor do Departamento de Socioloxía, Ciencia Política e da Administración e Filosofía Celso Cancela, que imparte docencia tanto no ciclo integrado como intensivo do PUM no campus pontevedrés. Así mesmo, como sinala González Cespón, o acto completarase “con dúas actuacións breves dos coros de alumnos e do Grupo de Música Tradicional do campus de Pontevedra”.

Un acto conxunto, dous anos despois

Este programa celebrou por última vez un acto de graduación en 2019, en Ourense, reunindo tamén ao estudantado dos tres campus. “Entendemos que é un acto único, xa que é un centro único e así adquire unha maior relevancia”, salienta González Cespón da graduación que cada curso organiza unha sede do programa. Nesta ocasión, a pandemia provocou que Pontevedra reciba tanto a aqueles e aquelas que completaron estes estudos no curso 2020-2021, como aos que o finalizaron no 2019-2020. 

Trátase de catro promocións que viron como a pandemia obrigaba en marzo de 2020 a continuar de xeito virtual a formación no programa durante uns meses. “A participación foi moi complicada para todos, profesores e alumnos, xa que sen previo aviso vímonos abocados a traballar nunha contorna virtual para a cal non estabamos preparados”, recoñece González Cespón, que pon de relevo como a “boa disposición do profesorado” contribuíu a completar o cuadrimestre “da mellor maneira”. Xa no pasado curso 2020-2021, a UVigo foi unha das poucas universidades españolas que mantivo a docencia presencial nos programas para maiores.

Un programa que estrea unha nova estrutura

Co obxectivo de contribuír ao desenvolvemento persoal e social das persoas maiores de 55 anos, o PUM preséntase como “un proxecto de desenvolvemento científico-cultural dirixido a promover a ciencia e a cultura nas persoas maiores, teñan ou non titulación, ao mesmo tempo que as relacións interxeracionais”. Con ese propósito, esta oferta de estudos engloba en primeiro termo un Ciclo Intensivo, cunha formación deseñada para este colectivo e para a que non é preciso ningún coñecemento nin titulación previa. Este ciclo estrea ademais no presente curso a súa nova estrutura, que amplía a súa duración de tres a catro anos, ademais de dotar dunha nova denominación aos seus futuros e futuras egresados: titulado universitario sénior en Cultura e Sociedade. “O plan novo implantouse completamente este curso e aínda que ao principio houbo algún problema pola adaptación, neste momento está funcionando sen ningún problema”, salienta González Cespón, que valora a acollida brindada a unha oferta formativa que adopta unha “estrutura de grao”, con catro cursos e a combinación de dúas materias obrigatorias por ano coa escolla dunha serie de optativas.

Esta iniciativa ten como continuidade o Ciclo Integrado, de dous anos de duración e que busca que o alumnado sénior comparta aulas e experiencias co estudantado de grao, cursando materias pertencentes ás diferentes titulacións oficiais nas que se oferten prazas específicas para o PUM, preto de 80 no caso dos campus de Vigo e Ourense e máis de 30 no de Pontevedra.