DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Algún voluntario?

O programa de voluntariado fomenta a cultura solidaria

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Mª del Carmen Echevarría DUVI 17/10/2007

Ser membro da comunidade universitaria e dispoñer dun par de horas libres á semana, son os únicos requisitos para participar do programa de voluntariado da Universidade de Vigo para o curso 2007/2008.
Nesta nova edición, o programa segue a promover a integración dos estudantes dos tres campus na realidade social, fomentando a participación da comunidade universitaria en tres tipos de proxectos: os propios da UVigo, os que se desenvolven en colaboración con entidades do entorno e de voluntariado e educación no desenvolvemento e cooperación internacional.Dependente da vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes e xestionado a través das oficinas de voluntariado e integración, localizadas en cada un dos tres campus, o programa ofrece cursos básicos e específicos de formación para os participantes coa finalidade de que poidan levar a cabo a súa actividade dun xeitos máis eficaz. A formación é gratuíta e validable, nalgúns casos, por créditos de libre configuración.

15 proxectos en Pontevedra

Entre propios e externos, este curso se desenvolverán no campus pontevedrés un total de 15 proxectos.
Facilitar o acceso á universidade a persoas con discapacidade, accións encamiñadas a sensibilizar á comunidade universitaria sobre a violencia de xénero, así como recollida e reciclaxe de equipos informáticos da UVigo, son algunhas das actividades nas que poderán participar os voluntarios que tomen parte dos proxectos propios da universidade que requerirán dunha dedicación de 2 ou 3 horas semanais.
Pola súa banda, os proxectos de voluntariado externo, permitirán este ano aos participantes desenvolver actividades con entidades como a Asociación Down Pontevedra “Xuntos”, a Asociación Amencer-Aspace, a Asociación Española contra o Cancro e a Fundación Secretariado Xitano. Persoas con síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais, nenos e nenas de etnia xitana e enfermos de cancro, serán os destinatarios dos programas orientados á favorecer a autonomía persoal, o ocio ou a compensación educativa.

Máis información na páxina web: http://extensión.uvigo.es
Os interesados, tamén, poden dirixirse no campus de Pontevedra á Oficina de Voluntariado e Integración na E.U.E.T. Forestal A Xunqueira s/n.
Teléfonos 986.801 912/802 034