DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Trátase dunha iniciativa da Rede Aldear co apoio da UVigo e Agadic

A programación de Aldearmos chega esta fin de semana a Saumede

Haberá conferencias, música, danza, arqueoloxía e observación astronómica

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Institucional
DUVI Ourense 10/03/2023

O proxecto Aldearmos, un “programa de democratización cultural do e no rural" da Rede Aldear, formada por unha vintena de concellos do rural das provincias de Ourense e Lugo, chega este domingo, 12 de marzo, ata Saumede, no concello ourensán da Bola. A iniciativa conta co apoio tanto do campus de Ourense como de Agadic (Xunta de Galicia).

“Saumede é unha aldea abandonada dende o século XVII, onde un colectivo de persoas de diferentes nacionalidades dedicouse durante a última década a recuperar os seus espazos por medio da arte”, indican desde a organización. A sesión de Aldearmos, detallan, “comezará, como xa é habitual, por presentar a Rede Aldear e tamén unha explicación de como acceder a financiamento para a cultura, para dar paso a cotinuación á investigadora e antropóloga do campus de Ourense Jackeline Fernández Macías, que disertará sobre o Entroido". Tamén, se levará a cabo un obradoiro de introdución á danza coa coreógrafa Nuria Sotelo, profesora da Aula de Danza Contemporánea do campus. O programa completarase con varias propostas musicas como Dj Tristón ou o Trío Motobomba e finalizará ás 19.30 h cun espectáculo cultural de arqueoloxía, observación das estrelas e música medieval que virán da man de Alendalúa.

Diferentes liñas de actuación

Aldearmos é un programa que conta con catro pés que teñen como obxectivo amosar a vitalidade do rural das provincias de Lugo e Ourense e contribuír a asentar proxectos culturais nel. A primeira desas catro liñas de actuación é Aldear na Escola, un programa de intervención socioeducativa que leva xornadas de traballo a diferentes centros educativos do rural das provincias do interior. A segunda é Aldear Campus Auga: un programa de intervencións científicas en contextos non académicos onde investigadores e investigadoras do campus de Ourense presentan os traballos buscando unha interlocución amena e didáctica. A terceira liña é Aldear Acompaña, unha oficina de promoción económica do cuarto sector, e por último, está a liña Aldear Itinerancias, un programa de eventos en zonas rurais onde se amosan prácticas e espectáculos de vangardas creados por en para as zonas menos poboadas.