DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Co obxectivo de contribuír á súa dinamización cultural

A programación de Aldearmos chega esta fin de semana á Veiga e ao Courel

Trátase dunha iniciativa da Rede Aldear co apoio da Universidade de Vigo e Agadic

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 28/10/2022

O pasado 23 de outubro arrancou en Vilar de Santos (Ourense) o proxecto Aldearmos, un “programa de democratización cultural do e no rural" da Rede Aldear, formada por unha vintena de concellos do rural das provincias de Ourense e Lugo, que conta co apoio tanto do campus de Ourense como de Agadic (Xunta de Galicia). Este sábado e domingo a súa programación continúa na Veiga e no Courel.

Participando en Art-Part e Eidos de Outono

“Esta fin de semana volven as itinerancias e o Campus Auga de Aldearmos con varias actividades dentro das programacións dos festivais Art-Part e Eidos de Outono”, explican desde a organización da actividade. O festival Art-Part, sinalan, é un evento que terá lugar no Concello de A Veiga e que inclúe dende música ata roteiros, pasando por explicacións sobre a historia da zona. Neste caso, Aldearmos participa con dúas accións: o sábado 29, ás 13.30 h, cun concerto do grupo Paraíso Canto na praza da vila e o domingo 30, ás 11.30 h, cun roteiro ata o Castro Río Xares con Begoña Garrido Labrador, investigadora do Grupo de Innovación Docente en EduAcción Patrimonial da Universidade de Vigo, que explicará a historia do lugar.

Por outra banda, sinalan desde a Rede Aldear, “o festival Eidos de Outono celébrase no Courel, a terra do poeta Uxío Novoneyra”. Nesta proposta, detallan, hai unha combinación de música, danza e poesía en diferentes enclaves: a Escola María Mariño de Parada, o campo da feira de Seoane e a Fundación Uxío Novoneyra de Parada. Aldearmos estará presente na súa versión de Itinerancias durante o sábado 29 de outubro. As actividades coas que participa a rede serán Pel de Lobo: Un lobo de aldea, de Anxo Moure, na Escola María Mariño de Parada, e no campo da feira de Seoane, estará Mikel Aristegui co seu espectáculo Ouveao e Furia Sotelo e Mounqup.

O contexto

Aldearmos é un programa que conta con catro pés que teñen como obxectivo amosar a vitalidade do rural das provincias de Lugo e Ourense e contribuír a asentar proxectos culturais nel. A primeira desas catro liñas de actuación é Aldear na Escola, un programa de intervención socioeducativa que levará 18 xornadas de traballo a diferentes centros educativos do rural das provincias do interior. A segunda é Aldear Campus Auga: un programa de intervencións científicas en contextos non académicos onde investigadores de primeira liña do campus de Ourense presentarán os resultados das súas investigación sobre as comarcas do interior buscando unha interlocución amena e didáctica. Contará con máis de 10 relatores. A terceira liña é Aldear Acompaña, unha oficina de promoción económica do cuarto sector e móbil, que acompañará as actividades anteriores e mantida por especialistas en economía social como Uxío Novoneyra Rei ou Óscar Penín. Por último, está a liña Aldear Itinerancias, un programa de eventos en zonas rurais onde se amosen prácticas e espectáculos de vangardas creados por en para as zonas menos despoboadas e que se constrúan a través do intercambio de programación entre os socios da rede. Están pechados seis eventos ata final de anos e contan con facer outros seis ata a finalización do programa en marzo.