DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Mañá, 10 de abril, na sede da Vicerreitoría do campus

A programación cultural da Casa das Campás continúa con outra sesión de “Os Xoves de Moda” e “Interzonas”

Carmen Pérez de Andrés, Mercedes Rande e Malandrómeda darán contido á xornada

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Ana Terceiro DUVI 09/04/2008

Coa intención de achegar a toda a cidadanía as actividades culturais universitarias, a programación de primavera da Casa das Campás continúa o seu camiño coa segunda e terceira sesión de Interzonas e Os Xoves de Moda, respectivamente. A Vicerreitoría do campus e a Escola Superior de Deseño Téxtil e Moda de Galicia organizan estes dous ciclos diferentes nos seus contidos pero baixo un eixo común, o de ampliar a formación que os alumnos reciben nas aulas. Para logralo contarase ao longo de todas as xornadas coa presenza de importantes artistas e personaxes do mundo das artes escénicas e da moda do noso país e de fóra del.

“Xoves de Moda”: Carmen Pérez de Andrés

Ata o vindeiro 29 de maio Os Xoves de Moda reúnen aos máis prestixiosos profesionais do país que, de algún xeito, están relacionados co sector téxtil. Sen ser necesariamente deseñadores ou estilistas, este foro pretende xuntar a todos aqueles ámbitos de traballo que están en constante contacto co mundo da moda, como pode ser o sector museístico, musical, artístico ou o da comunicación, entre outros. Para amosar esta amplitude laboral, na sesión deste xoves contarase coa visita de Carmen Pérez de Andrés, a subdirectora do Museo do Traxe de Madrid, unha institución de recente creación pero de longa historia que ofrece unha completa visión do percorrido da moda en España desde tempos remotos ata as portas do século XXI.

“Interzonas”: sesión dobre

Tras o éxito obtido coa representación de Os Grumildos a semana pasada, a próxima sesión do ciclo de artes escénicas Interzonas será dobre. A programación virá da man de Mercederande e a súa obra Hana-Bi (Lume nas Flores) e continuará co grupo compostelán Malandrómeda, que aposta polo goce libre do hip-hop en galego e que busca a frescura da tecnoloxía empregada en vivo. Caracterizado polo risco, a hibridación e a procura de novos espectadores, con esta iniciativa preténdese formar un lugar de encontro de creadores procedentes de Galicia e outros territorios.