DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A serra ourensá de San Mamede é o destino elixido

A programación de rutas culturais deste ano pecharase cunha visita á neve

A andaina celebrarase o sábado 11 de decembro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 07/12/2021

A programación de rutas culturais da Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo para este primeiro cuadrimestre chega ao seu fin. A actividade pecharase o sábado 11 de decembro cunha andaina pola serra ourensá de San Mamede. Con 80 prazas dispoñibles para os tres campus da institución académica, na inscrición terán prioridade os membros da comunidade universitaria pero tamén está aberta ás persoas alleas a ela.

Cunha distancia de 12 quilómetros e unha dificultade media-alta, desde a organización dos roteiros indican que é “unha das rutas de montaña máis fermosas que a día de hoxe poden facerse na serra de San Mamede, combinando as paisaxes de ribeira e prado no fondo do val, cos amplos horizontes e inigualables panorámicas do alto da montaña”. O itinerario polo “teito de Galicia” que seguirán as e os participantes será Rebordechao, Pozo dos Mouros, capela de San Mamede e Rebordechao. Con esta ruta pecharase a programación do primeiro cuadrimestre destas andainas, que se achegaron desde outubro ao río Loña, no Concello de Pereiro de Aguiar (Ourense); ás fragas do río Barragán, en Pazos de Borbén (Pontevedra) e á Illa de Arousa (Pontevedra).

Inscrición

As previsións meteorolóxicas, indican desde a organización, apuntan a que haberá “un día propio de montaña para a práctica do sendeirismo, ideal para gozar desta ruta na serra”. A inscrición, a través do Campus Activo da UVigo, está aberta de xeito exclusivo para a comunidade universitaria ata o luns anterior a cada ruta. No caso de quedar prazas libres, o martes, mércores e xoves anteriores á celebración da andaina permítese a inscrición de calquera persoa interesada. O prezo de inscrición varía en función do colectivo de pertenza e cada ruta realizada recoñecerase con 7,5 h ECTS por día de duración. Todos os itinerarios para GPS poderán descargarse, xunto coas fotografías de cada ruta e toda a información complementaria necesaria, na páxina web das rutas culturais.