A cita será o sábado 13 e haberá un tradicional magosto
A programación de rutas culturais deste cuadrimestre rematará cunha andaina por Nogueira de Ramuín
A inscrición está aberta á comunidade universitaria e cidadanía en xeral
A Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo organiza este sábado 13 de decembro a cuarta e última andaina cultural deste cuadrimestre. A Ruta de Marquino Largaño (Nogueira de Ramuín, Ourense) levará ás persoas participantes pola Ribeira Sacra. A inscrición está aberta á comunidade universitaria e cidadanía en xeral.
O itinerario consta de 15,5 km e dificultade media debido a un desnivel acumulado de 450 m. “A Ruta de Marquino Largaño atravesa paisaxes atlánticas e de ribeira, variando de solos silíceos a zonas de follado. No cumio da ruta, o Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil será obxecto dunha visita interpretativa”, explican desde a organización. A actividade rematará cun tradicional magosto.
Esta será a cuarta e última das rutas culturais da UVigo deste cuadrimestre. A programación arrancou o pasado 25 de outubro cunha andaina polos muíños do río Loña (en Pereiro de Aguiar-Ourense) en lembranza de José García-Calvo Willy, falecido promotor e coordinador durante décadas dos roteiros universitarios, e continuou cunha andaina polo val do río Bibei (O Bolo) e outra por Rianxo e o río Té.
Inscrición
A inscrición en cada ruta cultural, que se realiza a través do Campus Activo da UVigo, está aberta de xeito exclusivo para a comunidade universitaria ata o luns anterior a cada andaina. No caso de quedar prazas libres, o martes, mércores e xoves anteriores a cada ruta permitirase a inscrición de calquera persoa interesada. O prezo depende do colectivo de pertenza en relación coa Universidade de Vigo, estando abertas á participación de persoas alleas a ela. Cada ruta realizada recoñecerase con 7,5 h ECTS por día de duración. Hai autobuses para trasladar ás persoas participantes desde os tres campus da UVigo.
