DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este luns comezaron a impartirse dúas das opcións formativas de extensión universitaria

A programación de verán arranca cos cursos de cata e de fiscalidade

O prazo para matricularse aínda está aberto para algunhas das actividades

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 02/06/2014

As clases xa remataron e nas aulas do campus de Ourense comezan a impartirse xa os cursos de extensión universitaria, os chamados cursos de verán, deste ano. O alumnado habitual dá paso a pequenos grupos nos que se mesturan membros da comunidade universitaria e cidadáns alleos a ela que comparten o desexo común de profundar nalgunha materia en concreto. Os máis madrugadores na programación deste ano foron os cursos de Fiscalidade sobre a renda das persoas físicas e sociedades e o de Cata de viños, augardentes e licores, que comezaron este luns as súas sesións.

Para facer mellor a declaración da renda

O curso de Fiscalidade sobre a renda das persoas físicas e sociedades: teoría, práctica e ferramentas informáticas, que se celebrará do 2 ao 9 de xuño, foi inaugurado no Edificio Xuridico-Empresarial por Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, e polos docentes Alberto Vaquero e Fidel Picos, directores da iniciativa. “Con este curso damos o pistoletazo de saída aos cursos de extensión universitaria que este ano se impartirán no campus e que teñen un dobre obxectivo de estender a universidade máis aló do campus, para abrirse á sociedade, e tamén prolongar a actividade nas aulas alén do período lectivo”, destacou Virxilio Rodríguez aos máis de 25 asistentes matriculados. Este ano, lembrou, ofértanse un total de 13 cursos de extensión universitaria, cun máximo de 669 prazas, que abranguen todo tipo de temáticas e intereses e cuxo prazo de inscrición aínda está aberto nalgúns dos casos.

O curso de fiscalidade, explicaron os seus directores, lévase desenvolvendo con éxito desde o ano 2002 na Facultade Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense. “Ao igual que outros anos, a actividade ten o valor engadido de conxugar os fundamentos básicos dos diferentes impostos (IRPF, imposto de sociedade e imposto sobre sucesións e doazóns) coa aplicación de ferramentas informáticas de axuda para a liquidación destes tributos. A principal novidade é que nesta edición o curso celébrase coincidindo coa campaña da declaración da renda, que finaliza o 30 de xuño, e co remate da campaña da declaración do imposto de sociedades, xa que o último día para presentar a declaración é o 25 de xullo”, comentou Alberto Vaquero.

Para apreciar mellor un viño

Tamén comezou a súa actividade o curso de Cata de viños, augardentes e licores, que se ten convertido ano tras ano nun referente da programación de extensión universitaria do campus de Ourense. Dirixido por Mª Carmen Pérez e por Esperanza Fernández, os 24 inscritos nesta iniciativa aprenderán dun xeito moi práctico a recoñecer e expresar axeitadamente as cualidades visuais, aromáticas e gustativas dos viños e licores e a coñecer as diferentes denominacións de orixe. Ademais, iniciaranse na cata destas bebidas e na súa maridaxe con produtos galegos. Para comezar, este luns visitaron a Cooperativa Vitivinícola do Ribeiro e asistiron a unha sesión teórica de iniciación á cata a cargo de Sandra Mª Cortés, experta en cata do Laboratorio de Biotecnoloxía Agroalimentaria do CITI do campus de Ourense.