DUVI

Diario da Universidade de Vigo

CCSS e da Comunicación acolleu unha nova sesión dos Martes Saudables

Promovendo un campus máis saudable a través da información

O centro acolleu tamén un reparto de compost dentro do Plan Revitaliza

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Medio Ambiente
  • Saúde
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 20/11/2018

Información sobre nutrición, deporte e sexualidade, xunto coa realización de probas como a medición da tensión arterial, dos niveis de glicosa ou do índice de masa corporal son só algúns dos exemplos do que os Martes Saudables achegan á comunidade universitaria. No seu percorrido polos tres campus, esta iniciativa impulsada pola Área de Benestar, Saúde e Deporte e a Vicerreitoría do campus de Ourense detívose nesta xornada na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. “A verdade é que nesta facultade sempre recibimos moita xente, moitos de feito son estudantes que repiten ano tras ano e que queren ver se melloraron nalgún aspecto”, sinala o técnico responsable deste programa, Guillermo Santos, respecto do paso polo campus pontevedrés dun posto no que diferentes titulados e tituladas ían ofrecendo información aos e ás integrantes da comunidade universitaria sobre diferentes cuestións relacionadas con saúde, deporte ou sexualidade, que constitúe o eixo temático dos Martes Saudables neste cuadrimestre; así como de nutrición, ámbito ao que esta iniciativa incorporou no presente curso información sobre a cantidade de azucre que teñen determinadas alimentos ou bebidas como refrescos ou zumes, representada en número de terróns diante de cada produto.

Ademais de co stand dos Martes Saudables, Ciencias Sociais e da Comunicación tamén acolleu nesta xornada dous postos de reparto de compost, nunha iniciativa promovida pola Deputación de Pontevedra dentro do Plan Revitaliza e enmarcada na Semana Europea de Prevención de Residiuos. Co propósito de dar a coñecer o uso que se fai cos desperdicios dos comedores do campus e visibilizar o uso que se fai do compost, nas propias zonas verdes do campus, xerado nos dos composteiros instalados na Xunqueira son os obxectivos desta iniciativa levada a cabo por persoal técnico do Plan Revitaliza e do Concello, que se desenvolveu este martes en CCSS e da Comunicación e continúa este mércores na EE Forestal. Ademais de achegar información á comunidade universitaria, xunto con manteis elaborados con papel reciclado nos que se dá información sobre o uso dos biorresiduos xerados nos comedores, esta iniciativa complétase co reparto de bolsas de compost xerado precisamente nos dous composteiros habilitados no campus.