DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este mércores pola tarde recolleron o galardón en Expourense

A proposta de alumnado do campus Sempre na Casa gaña o Cuarto Concurso de Proxectos Emprendedores Inspiro

Estudantado da UVigo tamén acadou o terceiro premio coa iniciativa Nova Terra

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Emprender
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Ourense 26/03/2026

Expourense acolleu este mércores a celebración de Inspiro, o cuarto encontro interxeracional entre o tecido empresarial e os diferentes modelos formativos (universidade e centros de Formación Profesional) de toda Galicia, organizado un ano máis en colaboración coa empresa ourensá Dixital Gou. Nela tivo lugar a final do Cuarto Concurso de Proxectos Emprendedores Inspiro, onde alumnado da Universidade de Vigo fíxose co primeiro e terceiro premio. No concurso competiron dez proxectos seleccionados entre a trintena que se presentaron, creados por alumnas e alumnos procedentes da Universidade de Vigo, da de Santiago de Compostela e dos centros de Formación Santo Cristo, CPR San Martín e Colexio Valle Inclán.

O proxecto gañador desta cuarta edición foi Sempre na Casa, das e dos estudantes do campus de Ourense Paula Pato, Natalia Outomuro, Gabriel Macías e Sara Somoza. O seu proxecto é unha plataforma dixital de xestión de convivencias interxeraionais e aluguer social que facilita o encontro entre persoas maiores con habitacións baleiras e estudantes que buscan aloxamento alcanzable. O galardón está dotado con 700 euros e unha mentorización a cargo do Club do Emprendimiento e foilles entregado pola directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, Marta Mariño. Esta proposta xa foi a gañadora do concurso de emprendemento realizado polo Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense, organizado no marco do seu espazo de emprendemento Venture Lab, coordinado por Montserrat Cruz e Javier Rodeiro.

Tamén da Universidade de Vigo foi distinguido co terceiro premio o proxecto Nova Terra de Pelayo Patiño, Iago Lijó e Martín Barros. Trátase dunha consultaría para a recuperación de terreos afectados por incendios, baseada no uso de ferramentas tecnolóxicas e toma de datos con drones. Este premio está dotado con 350 euros e unha mentorización a cargo do Club do Emprendimiento. Foi entregado pola directora provincial da Tesouraría Xeral da Seguridade Social, Iria Fernández.

Máis premiados

O panel desta cuarta edición complétase co segundo premio acadado polo proxecto EVA-Emergency Victim Assistance, realizado por Alicia Sambade e María del Mar Belmonte, alumnas da Universidade de Santiago de Compostela. Este estudo presenta e avalía un sistema integral de xestión de incidentes con múltiples vítimas que combina xeolocalización, clasificación de pacientes e transmisión de datos en tempo real durante un simulacro dunha catástrofe. Ademais déronse dúas mencións especiais ao traballo Hi Party, de Carlos Gosende, Alejandro Destar e Ismael González, alumnos del Santo Cristo de Ourense, e outra a Auranova, de Lorena Martín, Noa Martínez e Ainoa Marinheiro, do Centro Valle Inclán de Ourense. 

O xurado do concurso estivo composto por representantes da Confederación Empresarial de Ourense; AJE Ourense; Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense e Centro Galego de Innovación da Formación Profesional Eduardo Barreiros.