Con obras de Xabier Fernández e Gabriela Rivera
A proposta expositiva ‘A pel. Epílogo’ trae a fotografía á Sala Alterarte e ao Paseo da Igualdade
Comisariada por Xosé Lois Vázquez
O campus de Ourense acolle desde este venres a proposta expositiva fotográfica A pel. Epílogo, comisariada por Xosé Lois Vázquez e formada por dúas exposicións: Da aparencia á aparición, de Xabier Fernández, e Bestiario de Femias, de Gabriela Rivera. As súas obras poden verse respectivamente na Sala Alterarte e no Paseo da Igualdade, situado ao seu carón. A proposta dá continuidade ao ciclo expositivo da Sala Alterarte Reciprocidade, posto en marcha o pasado curso académico baixo a coordinación do profesor da Universidade de Vigo Javier Blanco Sierra.
Segundo explica o comisario, en A pel. Epílogo “busquei que o tema da pel estivese presente da man de dúas autorías excepcionais cun alto grao de radicalidade das propostas, tanto na súa formulación teórica como na súa realización material e apariencia formal. Dúas persoas valiosas na constitución desa pel antropolóxica”. As propostas escollidas, engade, “conteñen códigos para descifrar aspectos do contemporáneo en temas cruciais, coma o valor da vida confrontada á morte ou a presencia da violencia de xénero na linguaxe cotiá. E ambas empregan outras linguaxes e técnicas entrando e saíndo do estrictamente fotográfico sen evitar a súa centralidade”.
Dúas mostras e un epílogo
Xabier Fernández, comenta Xosé Lois Vázquez, “é un dos fotógrafos máis cabais dos que nos visitaron no Festival Internacional Outono Fotográfico. Achega sempre outra forma de despregar o fotográfico que nos induce a visitar as transcendencias que cubre ou contén”. Coma se dunha pel se tratase, sinala o comisario, nas súas pezas “informa mediante indicios e aparencias que debemos ler, sabendo que non son só o que parecen”.
Sobre Gabriela Rivera Lucero, o comisario indica que “realizou unha das propostas máis coherentes de todas cantas teñen chegado ao Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, do que foi finalista na VII edición”. A creadora, engade, na súa obra “constrúe un poderoso alegato contra a infamia e a crueldade, sexa a través dos nomes de animais cos que se insulta impunemente ás mulleres ou da dor contida nos materiais cos que realiza as máscaras que os representan (peles, despoxos de seres sentintes que tiveron vida), todo nos conmove e interpela”.
Respecto á palabra epílogo, Xosé Lois Vázquez explica que escolleuna para esta proposta expositiva xa que esta “fai referencia ao que será a miña ultima acción de organización ou activación fotográfico-cultural que derive da historia do festival Outono Fotográfico (OF), co que estiven intimamente ligado durante décadas”. Neste epílogo, comenta, “desexaba que Alterarte seguise participando da experiencia do OF como espazo expositivo expandido (o festival foi ampliando presencia ata chegar a 22 vilas e cidades de Galicia e Portugal), tal como fixo sempre o campus no Outono Fotográfico ao programar varias exposicións en lugares diferentes”.