DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A autora é Aida María Díez, investigadora do Departamento de Enxeñaría Química  

Unha proposta de xeración de H2 como fonte de enerxía renovable, gañadora da 4ª edición do Cintecx Challenge 

Etiquetas
  • Medios
  • PDI
  • Vigo
  • Premios
  • Investigación
DUVI 30/01/2023

Diseño y síntesis de nuevos materiales para la generación de H2 como fuente de energía renovable é o título da proposta coa que a investigadora do Centro de Investigación de Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (Cintecx) Aida María Díez Sarabia gañou a cuarta edición do Cintecx Challenge, unha convocatoria anual de axudas, na modalidade de concorrencia competitiva, para o desenvolvemento de proxectos de I+D colaborativos entre o persoal investigador integrado no centro. Acadar un impacto social relevante na rexión é un aspecto importante deste desafío, de xeito que os resultados da proposta gañadora poidan ser defendidos, entre outros, a través do Programa de Divulgación Científica de Ciencia Singular da Xunta de Galicia. 

Aida María Díez Sarabia, presentou a única candidatura que concorreu á cuarta edición do Cintecx Challenge, e na que, no equipo de traballo está prevista a participación de cando menos dous grupos de investigación do centro, aínda que queda aberta a posibilidade de incorporar outros investigadores e investigadoras. Contrastada a calidade técnica da memoria presentada, así como solvencia do equipo de traballo, a proposta Diseño y síntesis de nuevos materiales para la generación de H2 como fuente de energía foi refrendada como gañadora da cuarta edición do Cintecx Challenge.

Presentación de resultados do anterior proxecto gañador 

Na mesma xornada na que se deu a coñecer a proposta gañadora da cuarta edición da convocatoria, presentáronse os resultados do proxecto Desarrollo de dispositivo biomédico 3D calentable para control antibacteriano, gañador do Challenge 2022. A investigadora Miriam López foi a encargada de realizar unha presentación técnica na que amosou os principais obxectivos acadados, así como un vídeo promocional destinado á difusión e divulgación do proxecto, ademais de discutirse diferentes liñas de actuación futuras.