DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Yayo Herrera impartiu unha conferencia virtual organizada desde Filoloxía e Tradución

Propostas ecofeministas en tempos de crisis civilizatoria

Defendeu un cambio de sistema: priorizar a vida no canto do crecemento económico

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cultura
  • Cultura
DUVI 28/09/2020

Situar o mantemento de todas as formas de vida como prioridade absoluta da política e da economía. Esta é a principal tese que este luns defendeu ante a comunidade universitaria Yayo Herrera, antropóloga, enxeñeira, profesora universitaria, activista e unha das máximas representantes a nivel europeo do denominado eco-feminismo. Fíxoo nunha conferencia virtual retransmitida a través do Campus Remoto e que se encargou de presentar o profesor Joaquín Sueiro, director do Departamento de Lingua Española, que, en nome da comunidade educativa da Universidade de Vigo en xeral, e da Facultade de Filoloxía e Tradución en particular, lle agradeceu a súa charla.

Na súa intervención a activista defendeu a necesidade de levar a cabo un cambio radical de sistema, unha transformación que, ao seu modo de ver, implicaría deixar de priorizar o crecemento económico e situar a propia vida como a gran prioridade. Esta proposta xenérica debería traducirse en centos de accións moito máis concretas que irían na liña de xestionar a auga, o territorio, o consumo ou o tipo de agricultura en función do que o territorio poida proveer e, con iso, garantir as necesidades da xente, e non ao revés.

 “Futuros viables e desexables”

“Estamos vivindo un momento excepcional e gustaríame falar, aínda que sexa brevemente, sobre algunhas das liñas de traballo que desde o meu punto de vista teriamos que estar pondo en marcha para construír uns futuros viables e tamén desexables”, explicou Herrero no inicio dunha charla que, como non podía ser doutra maneira, tivo tamén numerosas referencias á pandemia, “un feito que o cambia absolutamente todo”. Partiu as súas reflexións dunhas ideas que “penso poden sonar radicais, pero que hai que formular”, apuntou a docente, subliñando que na actualidade vivimos un intre de auténtica guerra contra a vida no que “a economía, a política e a cultura hexemónicas estanse a construír de costas con todo aquilo que permite defender a vida, tanto a dos seres humanos como a de outros seres vivos”. 

Nesta liña, a representante do movemento ecofeminista fiou a súa presentación en torno ao que denominou dúas dependencias importantes que comparten todos os seres humanos: por unha banda, somos persoas radicalmente ecodependentes, “unha especie viva que dependemos dun medio natural do que obtemos absolutamente todo o que nos serve para soster a nosa existencia: auga, alimentos, enerxía...”; e, pola outra, somos interdependentes, “corpos vulnerables, finitos e que envellecen” seres que, nun ou outro momento, desde o propio intre do nacemento, imos ser dependentes, “un nesgo inherente á propia vida”.

De xeito entrelazado con todas estas reflexións, Herrero fixo algunha das denuncias que o ecofeminismo leva xa anos divulgando. Unha das principais, que a prioridade social estea centrada na economía e que, en base ao seu crecemento, se sacrifique todo o demais: os territorios cultivables, os caladoiros de pesca, o clima e, en xeral, o planeta, “sen decatarse de que sen esa natureza non hai economía nin vida posible”. E, en relación ao feito da interdependencia dos seres humanos, Herrero salientou que a vida dunha persoa soa é inviable, “nalgún momento, aínda que sexa de xeito temporal, todos necesitamos que nos coiden e imos ter que coidar doutras persoas” e, ao longo do tempo, quen tradicionalmente se ocupou destes coidados son as mulleres e, sen estes coidados tampouco hai economía e tampouco hai vida.

Cara un estilo de vida moito máis sinxelo

“Vivimos nun planeta que ten límites físicos e, por tanto, nel absolutamente nada se pode empregar de forma ilimitada e, pola contra, os diferentes modelos capitalistas pretenden medrar na produción de bens e servizos extraendo cantidades cada vez máis grandes de minerais, petróleo, enerxía... empregando os ciclos naturais ata chegar a alteralos por completo, como é o caso da emerxencia climática”, explicou Herrera, quen defende a necesidade de adoptar formas de vida moito máis sinxelas no natural, con moito menos consumo, como unha das mellores alternativas para lograr o cambio. “O esgotamento dos recursos naturais e o propio cambio climática vanse encargar de que teñamos un estilo de vida moito máis sinxelo, o que está en xogo é si se vai a chegar a ese estilo de vida de maneira xusta ou non”, recalcou a autora.