DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O xoves na Sede do Parque Nacional Illas Atlánticas de Vigo e o venres en Ourense

A protección da infancia vulnerable centra un seminario internacional na UVigo

Inclúe a proxección de 'Puerto Calma', unha reflexión sobre a protección dos menores migrantes

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Vigo
  • Charlas e seminarios
  • Internacional
  • Investigación
D. Besadío DUVI 17/06/2026

Especialistas de diferentes universidades e institucións de España e Portugal participarán este xoves e venres na Universidade de Vigo no Seminario Internacional Menores, Vulnerabilidade e Xustiza: respostas procesuais e intervención social, encontro concibido como un espazo de debate multidisciplinar no que conflúan os avances do ámbito xurídico e as boas prácticas da intervención social.

Dirixido polas profesoras Esther Pillado, da área de Dereito Procesual, e Carmen Verde Diego, de Traballo Social e Servizos Sociais, o encontro desenvolverase en dúas sedes. A xornada de mañá xoves terá lugar no auditorio da Sede Parque Nacional Illas Atlánticas, na rúa Oliva de Vigo, mentres que o venres as sesións trasladaranse ao edificio de Ferro do campus de Ourense.

“Buscamos analizar de forma conxunta as respostas xudiciais e as estratexias de intervención social para protexer aos menores cando se atopan nunha situación de vulnerabilidade”, explican desde a organización. O propósito é “poñer en común os avances no ámbito procesual coas boas prácticas dende o traballo social”, favorecendo unha reflexión compartida entre persoal investigador, profesionais do dereito e especialistas da intervención social. O acto inaugural celebrarase ás 9.15 horas e contará coa participación das directoras do encontro, Esther Pillado e Carmen Verde, así como do profesor Pablo Grande Seara, decano da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo.

Análise de cuestións de máxima actualidade

Entre os puntos fortes desta edición, a organización destaca a súa dimensión internacional e a orientación práctica dos contidos. O programa inclúe unha mesa específica dedicada ao modelo portugués de xustiza xuvenil, na que participarán profesionais da Universidade Portucalense e do Tribunal Comarcal do Porto. Ao longo da xornada do xoves abordaranse tamén cuestións como a protección procesual das vítimas de trata, a obtención e tratamento de probas e evidencias dixitais nos delitos contra menores ou as garantías procesuais necesarias para atender adecuadamente a menores en situación de vulnerabilidade.

Nas diferentes sesións participarán especialistas de recoñecido prestixio procedentes das universidades Jaume I de Castelló, La Laguna, Pablo de Olavide, Salamanca e Portucalense, ademais de representantes da maxistratura, da avogacía e de entidades sociais.

A organización destaca tamén o interese da modalidade en liña, que permite seguir as dúas xornadas a través do Campus Remoto. Na actualidade, o seminario conta con arredor de trinta persoas inscritas, entre alumnado de doutoramento e profesionais de distintos ámbitos. "A modalidade en liña permite que profesionais e estudantes doutros ámbitos e países poidan seguir os debates e sumarse á reflexión sen barreiras xeográficas", sinalan.

Proxección do documental Puerto Calma

Un dos momentos máis destacados do programa será a proxección, o xoves ás 16.00 horas, do documental Puerto Calma, producido por Somos Islandia e Estudio Santamarta, co-dirixido pola profesora de Dereito Procesal da Universidade de Vigo Paula Martínez Molares xunto a Lucía Rúa e Sam Johem Hardie, mentres realizaba a súa tese de doutoramento.

O documental, estreado o pasado mes de outubro na sede Afundación de Vigo, conta a experiencia dun hotel do sur da illa de Gran Canaria que, en 2021, abriu as súas portas para acoller persoas migrantes chegadas ao porto de Arguineguín nun momento de especial presión migratoria. “Entre elas atopábanse numerosos menores non acompañados que non estaban a recibir a protección adecuada”, explica Martínez Molares. Naquel momento ela atopábase inmersa na súa tese de doutoramento sobre menores estranxeiros non acompañados e decidiu desprazarse ata Arguineguín para recoller testemuñas. De regreso, impresionada pola experiencia vivida, decidiu xunto a Lucía Rúa e Sam Johem Hardie dar visibilidade a estas historias a través dun documental.

A proxección de Puerto Calma servirá para incorporar ao debate académico unha visión próxima e humana dunha das realidades que exemplifican os retos da protección da infancia vulnerable.

Boas prácticas de intervención social

A segunda xornada, xa no campus de Ourense, estará dedicada ás boas prácticas de intervención social. A través de relatorios e mesas de debate analizaranse novos modelos de atención social, experiencias desenvolvidas por entidades como Fundación Emaús e Provivenda, así como cuestións relacionadas coa intervención con infancia e mocidade, os programas de educación familiar e os procesos de transición á vida adulta das persoas que forman parte do sistema de protección social.