DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Estudantes e profesionais participan en CC.Sociais nas VIII Xornadas de Comunicación e Protocolo

Protocolo e comunicación, claves para acadar o éxito de empresas e institucións

O presidente da Organización Internacional de Cerimonial e Protocolo, Jorge Salvati, abriu as xornad

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Ana Terceiro DUVI 21/05/2008

Máis de 300 estudantes de toda España, profesionais da comunicación, xefes de protocolo de diferentes organismos e decanos e docentes de varias universidades do país, asisten ás VIII Xornadas de Comunicación e Protocolo que organiza a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación baixo a dirección do profesor Fernando Ramos. Nesta oitava edición, os asistentes formaranse nunha disciplina en constante evolución e que os expertos xa a definen como a ferramenta clave para acadar o éxito de empresas e institucións.
A inauguración do acto veu da man do decano do centro, Alberto Pena, o vicepresidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa, e o responsable do evento, Fernando Ramos, quen describiu ás xornadas como “a actividade da Universidade na que máis alumnos participan”, subliñou no seu discurso. Pola súa banda, o decano da facultade, Alberto Pena, amosou o seu orgullo por “acoller este curso que desde os seus comezos traspasou fronteiras, ofrecendo agora unha formación integral e de elevada calidade”, afirmou Pena.
Para introducir aos participantes en materia, o presidente da Organización Internacional de Cerimonial e Protocolo, Jorge Salvati, abriu o programa cun relatorio no que amosou o valor que esta disciplina aporta diariamente á imaxe das empresas e institucións e que, nas súas propias verbas, “calquera entidade que queira manifestarse ante un público, exteriorizarse ou amosar unha idea, debe contar con que o protocolo será a ferramenta para conseguilo”, apuntou o experto arxentino na súa charla.

Dúas intensas xornadas da man de expertos internacionais

Unha serie de conferencias intensivas mesturadas con pequenos coloquios da man dos mellores profesionais, darán contido ao longo deste mércores e xoves ás VIII Xornadas de Comunicación e Protocolo, evento que xa é recoñecido como un referente no sector a nivel nacional. Despois de escoitar os consellos e as recomendacións que Jorge Salvati deu aos asistentes, unha análise das campañas institucionais para a educación viaria foi o eixe central do relatorio do asesor do Real Automóbil Club de Cataluña e ex director de comunicación de Citröen, Carlos Gutiérrez Zúmel. Pola súa banda, a presidenta da Asesoría para Asuntos Internacionais do Comité Nacional de Cerimonial Público de Brasil e xefa de protocolo da Prefectura de Campos de Jordao (Estado de Sao Paulo), Eliane Ubillus, compartiu cos asistentes a súa traxectoria nunha exposición baixo o título A experiencia do protocolo corporativo no ámbito internacional. Xa para pechar a primeira sesión matinal das xornadas, o seu responsable, Fernando Ramos, afondou sobre a función do Consello Social na imaxe da universidade pública, “un dos grandes descoñecidos da institución académica e dos máis importantes de cara á opinión pública”, subliñou Ramos.
As conferencias continúan da man do xefe de protocolo do Ministerio de Defensa, Alfredo Rodríguez, que achegará aos asistentes as apartacións do seu labor á imaxe de España en misións internacionais de paz. Pola súa parte, os doutores da Universidade de Vigo, José Rúas e Pedro Pablo Gutiérrez, presentarán un obradoiro denominado A comunicación institucional e as súas variantes: a propaganda institucional versus a publicidade institucional.
Este xoves, a segunda sesión abrirase coa intervención da directora de Días Nacionais de Expo 92 e autora do Plan de Estratexia Institucional de Expo Zaragoza 2008, María Teresa Otero Alvarado. Continuarán as xornadas da man do director do Gabinete da Cámara Municipal de Oporto, Manuel Pinto, quen compartirá a súa visión das diferentes estratexias que se levan a cabo no país veciño. Xa para rematar o evento, o responsable de comunicación do Banco Pastor en Galicia, Alejandro Kowalski, falará sobre o papel que desempeña o dircom nunha sociedade robotizada e o docente da Universidade, Daniel Martí, afondará sobre As salas de prensa virtuais:a nova fronteira da comunicación institucional.

Protocolo e comunicación, as claves para o éxito de empresas e institucións

Ao longo dos diferentes relatorios, os expertos coincidiron en que unha boa xestión da comunicación e do protocolo é fundamental para acadar o éxito das empresas. Nunha sociedade cada día máis influenciada pola tecnoloxía, esta disciplina (con moitos anos de existencia) tivo que adaptarse ás necesidades que se demandan e incluso pódese falar de “unha auténtica revolución do protocolo desde fai 10 ou 15 anos”, segundo afirmou Jorge Salvati. Neste senso, o presidente da Organización Internacional de Cerimonial e Protocolo explicou que hoxe en día esta materia “permite ás autoridades achegarse aos colectivos onde lles toca moverse e transmitir axeitadamente a mensaxe que se quere comunicar”, subliñou Salvati.
Por outra banda, o convidado tamén apuntou que a perfección e a eficacia son dúas das características que non deben faltar na xestión dunha boa estratexia protocolaria, de xeito que de a representación externa que se fai en cada acto institucional debe ter unha coherencia e atender a un obxectivo común, “do contrario obteremos un evento moi bonito e moi impresionante pero non transmitiremos absolutamente nada aos espectadores”, concluíu Jorge Salvati.