DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Bioética, emprego para discapacitados e cambio climático, entre os temas a tratar

A provincia de Pontevedra acollerá catorce cursos de verán da Universidade Internacional Menéndez Pelaio

Este ano inclúense seminarios en Lalín, Vigo, Forcarei, Cambados e Vilagarcía de Arousa

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Ana Terceiro DUVI 21/04/2008

Coa intención de fomentar unha educación complementaria á das aulas e de crear un lugar de encontro que reúna aos mellores profesionais en diversos eidos de actuación, a provincia de Pontevedra acollerá, desde maio ata outubro de 2008, unha totalidade de catorce cursos de verán que a Universidade Internacional Menéndez Pelaio (UIMP) organiza en colaboración coa a Universidade de Vigo, a Deputación de Pontevedra e Caixanova, entre outras entidades. O vicerreitor da UIMP en Galicia, José Luís Barreiro, indicou que entre as principais novidades de esta edición destaca o feito de que “ademais de estenderse os encontros no tempo, tamén se diversificaron os lugares de celebración, incluíndo no calendario de actividades ás localidades de Lalín, Vigo, Forcarei, Cambados e Vilagarcía de Arousa”, comentou na presentación que tivo lugar na sede da Deputación Provincial. Ademais, Barreiro engadiu que “este ano Vigo superará a oferta de cursos da cidade do Lérez, de xeito que nesta última impartiranse catro seminarios mentres que a primeira acollerá cinco”. Pola súa banda, Lalín Forcarei e Cambados participarán cun seminario cada unha e en Vilagarcía faranse dous.
Ademais dos representantes da UI Menéndez Pelaio, no evento estiveron presentes o vicepresidente da Deputación, José Juan Durán; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; a vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes da Universidade de Vigo, Mª Carmen Cabeza; o subdirector xeral de Caixanova, Antonio Gómez; e a concelleira de Cultura e Universidade, Lola Dopico.

425.000 euros para unha ampla e variada programación

A pesar de que a intención da UIMP era a de reducir o número de cursos respecto ao ano pasado, “foi imposible debido á gran demanda que recibimos”, comentou a vicerreitora Cruz Díaz. Deste modo, cun presuposto en torno aos 425.000 euros, a entidade propón unha ampla e variada oferta de seminarios nos que se tratarán temas tan importantes como o emprego para persoas con discapacidade, a investigación oceanográfica en Galicia, o cambio climático, a bioética e dependencia, a figura de Laxeiro, a pedagoxía penitenciaria e incluso a economía vitivinícola nas Rías Baixas.Toda esta programación está estudada en función do lugar onde se vai impartir xa que segundo lembrou a vicerreitora da UIMP, “preténdense dinamizar os principais eixes de actuación das localidades colaboradoras”. Os catro cursos que se impartirán na cidade de Pontevedra son A Xustiza Penal do Século XXI, Irlanda en Europa, Criaturas Especiais e O Desenrolo Turístico nas Rías Baixas, este último especialmente destacado polo alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, por estar “de plena actualidade”.
De cara ao vindeiro curso, Barreiro anunciou que xa está creada unha Comisión de Programación para poder facer cursos á carta, é dicir, en base a unha reunión previa cos patrocinadores da institución académica, farase un concurso para elixir os temas que se impartirán ese verán e a labor desta entidade será seleccionalos.

Pontevedra e Coruña, sedes da UIMP en Galicia

Ao longo de todo o acto, os diferentes representantes da UIMP fixeron alusións ao feito de que a intención para Galicia é a de imitar o proxecto que a institución académica fixo en Santander, a súa sede nai. Alí cóntase coa infraestrutura necesaria para poder facer dos cursos de verán algo máis alá e realízanse cada ano convivencias entre os alumnos e os mestres. Tanto o director dos seminarios en Galicia, José luís Barreiro, como a vicerreitora da UIMP, Mari Cruz Díaz, incidiron na idea de facer un traballo similar na nosa comunidade e en particular en Pontevedra e na Coruña, que pasarían a ser as dúas sedes da UIMP en Galicia. Actualmente atópanse en negociacións coas institucións locais alí representadas, para escoller o mellor lugar onde se instalaría o centro e solventar todas as cuestións económicas necesarias para levalo a cabo.