DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dez artistas e investigadores protagonizan unha exposición no Pazo Torrado de Cambados

A provisionalidade permanente como carta de presentación do grupo de investigación PRACE

Trátase da primeira exhibición colectiva deste grupo de Belas Artes 

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Divulgación
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 04/03/2019

Máis de 25 obras, que xiran en torno ao paradoxo da provisionalidade do nacido para ser permanente e da permanencia do creado para ser provisional, realizadas por dez artistas e investigadores da Facultade de Belas Artes, integran a exposición Provisionalidad permanente, que ata o 24 de marzo pode verse no Pazo Torrado de Cambados. Unha exposición que constitúe así mesmo a “carta de presentación” do grupo de investigación PRACE (Procesos de Resistencia na Arte Contemporánea Español), fundado polos artistas e docentes da facultade Chelo Matesanz, Mónica Ortuzar, Juan Carlos Román e Javier Tudela, catro dos protagonistas dunha mostra colectiva que completan as creacións dos investigadores e investigadoras en formación Iria Cortizo, Roi Domínguez, Alba M. Fandiño, Julia Huete, Ventura A. Pérez e Yolanda Ríos, todos eles estudantes de doutoramento que realizan as súas teses baixo a dirección e dentro das liñas de traballo do grupo.

Empregando como “idea aglutinadora” un paradoxo presente tamén, sinala Tudela, no contexto actual da arte en Galicia, esta exposición reúne unha serie de creacións que van da pintura, o debuxo e a escultura á fotografía ou a instalación, e que, a pesares de partir do traballo individual de cada participante, derivan en varios dos casos nun diálogo entre as propostas de diferentes artistas. Así, Provisionalidad permanente reúne pezas como unha serie de debuxos de Ortuzar, “todos eles cun tema vexetal moi obsesivo”, xunto á serie de cadros de pequeno formato nos que, partindo de oxidacións de diferentes materiais, Juan Carlos Román achega unha reflexión “moi irónica sobre a propia pintura”, como apunta Tudela. Visión irónica tamén presente nunha das propostas de Matesanz, unha pintura no que fai uso da tea para xogar coa textura e a imaxe e á que esta artista e docente suma ademais unha peza cerámica “na que tamén manexa elementos moi irónicos do propio procedemento da cerámica e da construción da imaxe”, salienta Tudela, quen á súa vez presenta nesta mostra colectiva unha obra que, facendo uso dunha piragua, reflexiona “sobre os procesos no taller” xunto cunha instalación audiovisual “con representacións de situacións cotiás reflectidas no ámbito do virtual”. 

A diversidade de disciplinas artísticas e de abordaxes desa provisionalidade permanente faise presente así mesmo no traballo con materiais fráxiles como o pan, que a alumna de doutoramento Yolanda Ríos emprega nas tres pezas que achega a unha exposición na que Ventura Pérez fai uso de “obxectos moi poéticos e tamén moi fráxiles” para presentar unha serie de obras relacionadas “coa representación de arquitecturas”. Do mesmo xeito, tamén Iria Cortizo fai uso “dunha serie de obxectos poéticos” nunha exposición á que achega tamén unha peza pictórica que combina o debuxo co collage, técnica da que tamén emprega, valéndose de materiais téxtiles, Alba Fandiño, quen exhibe ademais en Cambados “dúas fotografías que teñen que ver con postas en escena máis teatrais”. As esculturas e instalacións que Roi Domínguez propón nesta mostra, xunto con outra serie de obras “máis obxectuais”, completan, xunto cos debuxos e as obras en tea de grandes dimensións de Julia Huete, as propostas que estes dez artistas reúnen en Provisionalidad permanente, exposición que poderá visitarse neste espazo do Concello de Cambados ata o 24 de marzo.

Investigación artística desde a resistencia

Coordinado por Ortuzar, o recentemente creado grupo PRACE ten como leit motiv as “moitas lecturas” da idea de resistencia, un concepto que “ten que ver coas preocupacións contemporáneas en relación coa arte, coa desaparición de institucións artísticas no contexto galego, coa falta de políticas culturais, co mercado artístico, co descrédito ás artes e humanidades no sistema educativo, ten que ver cos modelos e valores da sociedade contemporánea”, á vez que coas propias dificultades da arte á hora de “encaixar dentro dos marcos de investigación da universidade española”, a pesares da “creación e innovación” que implica unha formación “que xera persoas cunha perspectiva moi crítica e inhabitual”, sinala Tudela. Revisar desde “diferentes perspectivas esa idea de resistencia na arte contemporáneo” constitúe nese senso un dos obxectivos cos que os investigadores e investigadoras do grupo Prace prepararan actualmente unha publicación co propósito de completar, reunindo as reflexións de diferentes integrantes do grupo, esta “carta de presentación” en formato expositivo de PRACE.