DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O certame tamén comprende unha modalidade de banda deseñada, que quedou deserto

As 'Proxeccións cartográficas do ser', de Ciro Fernández, fanse co Premio de Ensaio da Universidade

Os traballos de Rebeca López, en ensaio e María Reimondo, en banda deseñada, reciben os accésit

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Lingua Galega
  • Premios
  • Cultura
M. Del Río DUVI 07/12/2020

Este verán a Área de Normalización Lingüística da Universitaria lanzaba unha nova convocatoria de premios coa intención de abrir o abano creativo a outros xéneros máis aló da poesía, o relato e a tradución. Animaba así á comunidade universitaria a presentar os seus traballos de banda deseñada e ensaio na procura da calidade lingüística e a creatividade en lingua galega nestas dúas modalidades. Unha vez pechado o prazo de recepción das obras e tras as deliberacións do xurado, os premios, convocados ao abeiro do convenio de colaboración coa Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia para a promoción da lingua galega,  xa teñen gañadores. 

Na modalidade de ensaio o primeiro premio foi para Ciro Fernández, por un traballo titulado Proxeccións cartográficas do ser, mentres que o accésit foi para Rebeca López, polo ensaio O que teña que ser, será. Urxa: unha visión sobre a meiga galega. No que se refire á modalidade de banda deseñada, o xurado acordou deixar deserto o 1º premio e conceder un accésit ao traballo Os heroes do medio, de María Reimondo Saá.

Pero ademais, para Ciro Fernández este non é o único galardón, xa que tamén acaba de ser galardoado no certame Xuventude Crea, convocado pola Xunta de Galicia, na modalidade de poesía. A súa obra, A bóveda do ceo, foi seleccionada polo xurado entre 58 pezas, todas elas orixinais, inéditas e en galego. 

O camiño que precede ao mergullo nun mesmo

Ciro Fernández acaba de rematar o grao en Educación Primaria en Pontevedra e para el, ter recibido este galardón é “un estímulo para seguir creando e sobre todo mellorando no que poida crear nun futuro”. Explica que con Proxeccións cartográficas do ser o seu obxectivo era “representar o escenario previo a esa viaxe introspectiva, esa carreira previa á batida ou o camiño que precede ao mergullo nun mesmo e nos seus adentros. Procuraba ser capaz de representar os elementos implicados nesa experiencia ao mesmo tempo que a vivía e debuxar o mapa sobre o que camiñaba do xeito máis preciso e persoal posible. Púxenme a ler, estudar e sobre todo reflexionar o máximo posible tentando acadar certa rigorosidade e coherencia pero sen perder a naturalidade que implica”.

Con todo, considera que este ensaio é “un traballo inacabado no sentido en que dá para máis, tanto en contido como en dedicación, e persoalmente gustaríame que formase parte dun ensaio máis amplo e minucioso sobre a introspección”. 

“Un xénero que implica un traballo reflexivo e crítico altísimo”

Abrir os certames de creación literaria a novas modalidades é para Ciro Fernández un acerto. No seu caso, o lanzamento da convocatoria dos premios da ANL deulle “o pulo necesario para pórme a traballar no que levaba tempo pensando. Sabía que estaba no momento persoal adecuado porque estaba imbuído nese aire íntimo e profundo e levaba tempo pensando en escribir unha saída a toda as preguntas e posibles respostas arredor desa atmosfera. Paréceme que a aposta da Universidade é acertada, pois creo que o ensaio é un xénero que implica un traballo reflexivo e crítico altísimo, e por tanto, cantas máis oportunidades se nos ofrezan maior capacidade teremos de crear unha comunidade con ditas características”.

Os traballos premiados serán publicados

O gañador recibirá un premio de 700€ e dous accésits de 250€ para cada unha das modalidades. Ademais, os traballos serán publicados no Servizo de Publicacións da UVigo, o que permitirá, segundo Fernando Ramallo, director da ANL, “unha excelente distribución entre toda a comunidades universitaria, mais tamén en bibliotecas e librarías de Galicia e do resto do estado a través do portal Unebook da Unión de Editoriais Universitarias (UNE)”.

O xurado estivo presidido, por delegación do reitor, pola profesora Helena Cortés, xunto con María Mediero, da Editorial Catro Ventos; Gonzalo Navaza, profesor da Universidade de Vigo; Susana Rodríguez Barcia, profesora da Universidade de Vigo; Francisco Sampedro, ensaísta; José Andrés Santiago, profesor da Universidade de Vigo e Fernando Ramallo, director da Área de Normalización Lingüística con voz, pero sen voto.