DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través dun conxunto de actividades, nas que participaron preto de 270 estudantes

Un proxecto achega ao futuro profesorado o potencial do xadrez como ferramenta pedagóxica

Tras constatar o seu baixo coñecemento deste deporte e das súas posibilidades educativas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Pontevedra 27/01/2026

Un proxecto de innovación educativa levado a cabo na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte permitiu detectar un alto grao de descoñecemento respecto da utilidade pedagóxica do xadrez por parte das e dos futuros docentes que se forman neste centro. Coordinado polo profesor Iván Martínez, este proxecto abrangueu tamén un conxunto de actividades dirixidas a mellorar as súas competencias neste eido, como talleres, unha exposición e a proxección e debate dun documental; propostas que contaron no seu conxunto coa participación de máis de 270 integrantes da comunidade universitaria.

Seleccionado na convocatoria de innovación educativa da facultade de 2025, o proxecto Gamificación y Ajedrez Educativo: un abordaje transversal e híbrido puña o foco na aparición nas última décadas de “gran cantidade de recursos lúdicos”, como xogos de mesa temáticos, robots educativos ou aplicacións, que permiten promover “unha experiencia de aprendizaxe gratificante usando elementos propios” do xadrez. De feito, recoñece Martínez Lemos, “unha das barreiras tradicionais para a introdución” desta disciplina nas aulas era “a dificultade para entender a propia lóxica do xogo en idades temperás”. Fronte a isto, sinala, “os recursos de gamificación” baseados no xadrez poden servir as e aos docentes como materiais pedagóxicos. 

“Percepción clara” da súa utilidade educativa

A principal conclusión do proxecto, recoñece Martínez, é a existencia dun “gran descoñecemento do xogo en si mesmo por parte dos futuros docentes e, sobre todo, do seu potencial como ferramenta pedagóxica, avalado por evidencia científica”. Esta idea susténtase nos resultados dunha enquisa na que participaron 108 persoas, recollidos agora na publicación que fai balance dunha iniciativa que contou coa participación de dez profesoras e profesores da facultade.

Os resultados desta enquisa amosan que, se ben preto do 76% das persoas participantes xogara algunha vez ao xadrez, en máis da metade dos casos a práctica deste deporte non estivera vinculada á súa etapa escolar. De feito, o estudantado amosaba un elevado grao de descoñecemento dos “proxectos e iniciativas desenvolvidos para achegar este deporte ás escolas” e menos dun 20% coñecía que este deporte introduciuse como “materia de libre configuración autonómica no currículo da ESO”. Do mesmo xeito, tamén descoñecían maioritariamente as iniciativas relacionadas co xadrez na Universidade de Vigo e diferentes “proxectos de innovación educativa relacionados co xadrez social e terapéutico”.

Fronte a este descoñecemento, obsérvase unha “percepción clara” da utilidade educativa deste deporte. O 74% das e dos participantes neste estudo atribúenlle moita ou moitísima utilidade a na etapa de educación secundaria, porcentaxe que se sitúa no 66% no caso de primaria e no 54% en bacharelato. Do mesmo xeito, recoñecen tamén o seu potencial educativo en áreas curriculares como as matemáticas, na que máis do 73% das e dos participantes atribúenlle un alto ou moi alto potencial. Noutras áreas de coñecemento, atribúenlle maioritariamente un potencial medio ou baixo a este deporte, como é no caso das ciencias sociais e as áreas de plástica, música e lingüística.

Tamén de xeito maioritario, as e os participantes recoñecen que o xadrez “estimula a atención, a concentración e a memoria”, á vez que implica autocontrol e administración do tempo. En termos xerais, sinala Martínez, “os enquisados son conscientes da necesidade de incrementar as súas competencias e está dispostos a facelo a través de formación específica”. 

Formación en xadrez educativo

Ao mesmo tempo, o proxecto buscou achegar ao alumnado “estratexias específicas para xadrez educativo”, a través dunha serie de talleres nos que participaron preto de 90 estudantes dos tres graos que se imparten na facultade. Por unha banda, Pablo García e David Fernández, da Escola Xadrez Pontevedra–Universidade de Vigo, impartiron unha sesión sobre xadrez e robótica, centrada en metodoloxías educativas con robots como o Photon-Robot ou Blue-Bot. Por outro lado, o catedrático da Universidad de Extremadura Juan Pedro Fuentes ofreceu un taller sobre adestramento en xadrez, no que “explicou ao alumnado as bases fisiolóxicas e comportamentais do uso de diferentes técnicas avanzadas como ferramentas potenciais para mellorar o rendemento xadrecístico”. Ademais, realizouse tamén un taller sobre “modelos de escolas de xadrez”, impartido por Mariano Ortega, “con ampla experiencia no desenvolvemento de escolas e tecnificación en Cuba, Cabo Verde e España”.

Outra das actividades foi a proxección e debate do documental Brooklyn Castle, que aborda a historia dun centro público estadounidense no que un programa de xadrez extraescolar “conseguiu elevar o nivel académico do seu alumnado”. O proxecto abrangueu tamén unha exposición temporal, na que se reunían materiais vinculados a este deporte, xunto cun xadrez xigante. No seu conxunto, recolle a memoria deste proxecto, as diferentes accións desenvolvidas permitiron "captar a atención do alumnado” e contribuír a “mellorar as súas competencias para a ensinanza-aprendizaxe do xadrez educativo”. Nese senso, Martínez recoñece que o proxecto mostra a necesidade de “máis formación” para o futuro profesorado, mais tamén que é preciso un “maior interese” do estudantado polo xadrez educativo.